X

A xestión turística da Costa da Morte, paradigma de colaboración público-privada en Galicia

A xestión turística da Costa da Morte, paradigma de colaboración público-privada en Galicia

A CMAT e APTCM foron convidados como exemplo de xestión do Turismo nunha xornada sobre asociacionismo e gobernanza en Foz

Foron convidadas pola Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense para compartir as súas experiencias como modelo de cooperación, xunto a outros destinos como Xixón ou a Ribeira Sacra

 

ZAS, 5 de xuño de 2024. A CMAT e APTCM (Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte), foron convidadas este mércores pola Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, como exemplos paradigmáticos de coordinación entre o sector público e privado, nunha xornada de reflexión e intercambio de experiencias no Edificio CENIMA de Foz.

A xornada, enmarcada no proxecto SICTED (Sistema Integral de Calidad Turística en Destino) na Mariña, comezou ás 10:45 horas e incluíu unha Mesa Redonda, na que D. Manuel Muíño, presidente da CMAT, e Dna. Rosa Sánchez, vogal de APTCM, tiveron a oportunidade de compartir as súas experiencias e boas prácticas en xestión turística, destacando os seus modelos de cooperación e proxectos conxuntos.

Puideron intercambiar experiencias e modelos de xestión turística diferentes con outros destinos como Xixón, Ribeira Sacra ou a propia Mariña Lucense, así como falar de cadanseus proxectos a futuro.

Manuel Muíño, presidente da CMAT, destacou a experiencia como moi interesante: “tivemos a oportunidade de poñer en valor a nosa positiva experiencia como asociación público-privada e aprender tamén doutros destinos irmáns, que están a traballar mediante fórmulas distintas á nosa, como son os consorcios ou mancomunidades”.

"Neste tipo de foros evidénciase que a representatividade do empresariado turístico nos entes de xestión e o seu papel activo na estratexia dos destinos son fundamentais para o seu desenvolvemento”, subliñou Rosa Mª Sánchez, vogal de APTCM.

Esta xornada representou unha oportunidade única para poñer en valor o traballo coordinado destas dúas asociacións, CMAT e APTCM, así como reflexionar sobre a importancia da colaboración entre o sector público e privado no desenvolvemento turístico, traballando da man, en rede, por un obxectivo común: o crecemento sostible dos destinos turísticos galegos.

Arquivado en:

Novas