X

Na primeira xornada de Fitur, Costa da Morte “viviuse intensamente”

23/01/2020

Na primeira xornada de Fitur, Costa da Morte “viviuse intensamente”

Onte, cara ás seis da tarde, o stand de Turismo de Galicia de Fitur acolleu a presentación do xeodestino Costa da Morte “Catro formas de vivir Costa da Morte intensamente”. Alí, profesionais do sector turístico, políticos, medios de comunicación e demáis asistentes arrouparon ao presidente da CMAT, Santiago Toba na súa intervención. Nesta primeira xornada para público profesional da feira internacional que se celebra cada ano en Madrid, a Costa da Morte desplegou todo o seu potencial, ca presentación no stand de Galicia como “guinda”.


Na presentación interviron, en primeiro lugar, o Delegado Territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, que salientou o carácter peculiar da Costa da Morte tanto xeograficamente coma polo amplo abano de concellos que a conforman e aportan un valor ao destino.

Seguidamente, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; optou por resaltar un valor tan importante hoxe en día como a sostibilidade aplicada ao turismo. Nas súas palabras “Costa da Morte é un dos territorios máis sostibles” grazas a un modelo turístico non invasivo e alonxado da turistificación masiva doutras zonas.

Chegou a continuación o momento da presentación do presidente da CMAT, que organizou o seu discurso arredor dos catro valores de marca que definen Costa da Morte: “Naturalmente salvaxe”, “Carácter mariñeiro”, “Máxica e espiritual” e “Tradicional e profunda”. Tralas súas palabras, proxectouse
o vídeo promocional creado para Fitur grazas ás aportacións dos diferentes concellos que conforman o xeodestino. O vídeo xa está dispoñible para o público na canle oficial de Youtube de Costa da Morte e pódese ver aquí.

Como diciamos, outros eventos de Costa da Morte foron protagonistas onte en Fitur. No stand de Turespaña presentáronse a festa do Asalto ao Castelo de Vimianzo, a Asociación Muxía Natural, “Cee Camino hacia el mar” e a Mostra do Encaixe de Camariñas. Por outro lado, o deporte tamén tivo espazo grazas á presentación da etapa da Volta Ciclista a España que percorrerá a Costa da Morte e a nova edición do Gran Fondo Ézaro. Por último, no stand de Paradores de España presentouse a incorporación á súa rede do novo Parador de Costa da Morte; situado en Muxía.

Arquivado en:

Novas