X

Comeza o primeiro "Camiño dos Faros" Infantil

Comeza o primeiro "Camiño dos Faros" Infantil

O sábado 21 de Abril en Camelle comeza o I Camiño dos Faros Infantil, no que un pequeno grupo de nenos de 6 a 12 anos acompañados de seus pais e nais farán con nós un anaco do Camiño dos Faros cheo de maxia e aventuras. Este proxecto é unha evolución do de Traski en Primaria que estase aplicando en varios colexios con moi bos resultados.  

 

  • Horario da actividade: De 17:00 a 20:00 horas (quedada ás 16:30 horas na Praia de Camelle)
  • Percorrido: Praia de Camelle – Punta da Cruz da Rosa – Praia de Camelle. Ida por pista, volta por costa.
  • Distancia: 6 kilómetros
  • Número máximo de nenos: 25 (acompañados sempre de 1 adulto que se responsabilizará en todo momento do neno)
  • Edades Nenos: De 6 a 12 anos. Tras inscripción, dividiranse en 2 grupos (ata 8 anos: pistas azuis; de 8 a 12 anos: pistas verdes)
  • Temática das pistas: Traski, Man, fantasía e historia do tramo.
  • Imprescindible para nenos e adultos: Calzado que agarre tanto ao chan coma o nocello, xa que imos camiñar sobre pedras de granito, o mellor son botas de sendeirismo. Podemos non deixar participar a alguén por non ter o calzado adecuado.

 

“Dime e esquézoo. Ensíname e lémbroo. Involúcrame e apréndoo.” Así se refería  Benjamín  Franklin ao proceso de ensino-aprendizaxe.

O obxectivo da actividade non dista nada do que o autor pretendía coa súa famosa frase. Queremos que os nenos perciban a súa realidade cotiá, que coñezan a historia da súa terra, que sintan seu cada recuncho, neste caso, deste tramo da Costa da Morte. A exposición de datos de forma oral e o visionado en pantalla de imaxes son un bo apoio para calquera tarefa que implique aprender, pero vivilo in situ e en directo, a través da maxia da súa natureza pétrea, forestal e brava e da fantasía guiada polo trasno Traski, fan deste tipo de experiencias un bo método de adquisición de xeografía, sociedade e cultura do lugar.

Ademais dos coñecementos académicos dos que os nenos se empapan, aprenden a gozar da súa contorna observando detalles, matices, situacións nos que ata agora quizais non repararían.

O feito de facelo a través da fantasía e cun obxectivo colectivo achégalles capacidade de traballo en equipo e habilidades sociais para relacionarse cos demais iguais. Non só gañan novas amizades e aprenden a gozar delas, tamén gañan proximidade coas súas familias, ao ser os pais un apoio necesario na resolución das probas. Non só os nenos saen gañando coa actividade. Os adultos aprenden a sacar fose ese neno que adoita estar escondido nalgún lugar e que na vida diaria non adoita saír. Coñecen máis aos seus fillos ao participar activamente con eles. 

Arquivado en:

Novas