“Con X de Laxe, con X de Peixe ” unha campaña para promocionar o peixe como atractivo gastronómico no Concello de Laxe
A Concellería de Comercio, Hostalería e Turismo de Laxe lanza unha campaña chamada “Con X de Laxe, con X de Peixe” para promocionar os peixes que teñen X, e facer destes un atractivo gastronómico a nivel municipal. Con este motivo creouse unha imaxe corporativa, coa que se pretende difundir o slogan e o mesmo tempo vincular peixes que levan a letra X no seu nome -como a xarda, a xuliana, o xurelo, o abadexo, o curuxo, ou a xouba- coa gastronomía local.
A intención do Concelleiro é que Laxe participe en feiras gastronómicas a través dos peixes que levan o X en galego. Como resultado desta campaña, do 9 ó 15 de abril, a hostalería do Concello de Laxe, participará nas primeiras xornadas gastronómicas “Con X de Laxe”, organizadas pola Concellería de Hostalería coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña. Durante os sete días que duren as xornadas gastronómicas, os consumidores poderán degustar os menús presentados polos seguintes establecementos: Áncora Taberna, Casa do Arco, Bar Escaravello, Restaurante Mar de Laxe, Panadería – Pastelería - Degustación O Ben Me Sabe, Taberna - Restaurante O Bocho, Café - Bar Restaurante O Recodo de Antía, Mesón O Rincón D’Lucas, Restaurante e Tapas Zurich.
As consumicións dos menús posibilitarán entrar no sorteo dunha cea para dúas persoas, a consumir en calquera dos nove negocios adheridos ás Xornadas. Tamén está prevista a organización dunha ruta de pinchos chamada “Peixes con X” para a fin de semana do 19 e 20 de maio.