X

Costa da Morte Asociación Turística presentará en FITUR o próximo venres, 26 de xaneiro, o vídeo promocional ‘Costa da Morte, Destino Turístico Starlight’

24/01/2024

Costa da Morte Asociación Turística presentará en FITUR o próximo venres, 26 de xaneiro, o vídeo promocional ‘Costa da Morte, Destino Turístico Starlight’

O presidente da CMAT, Manuel Muíño, recollerá mañá xoves, 25 de xaneiro de 2024, o premio SICTED como destino certificado.

ZAS. 24/01/2024. Costa da Morte terá un ano máis unha destacada presencia en FITUR, a cita internacional do turismo que se celebra en Madrid desde hoxe, 24 xaneiro, ata o próximo domingo, 28 de xaneiro. Mañá xoves, día 25 de xaneiro, o presidente da CMAT, Manuel Muíño, será o encargado de recoller o Premio SICTED, que recoñece ao territorio da Costa da Morte como destino certificado. O próximo venres, está prevista a presentación do vídeo promocional Costa da Morte, Destino Turístico Starlight.

A presencia de Costa da Morte Asociación Turística estará liderada polo seu presidente, Manuel Muíño, tamén alcalde do Concello de Zas. A práctica totalidade dos concellos do xeodestino estarán presentes en FITUR e tamén acudirán todos os membros da Xunta Directiva da CMAT, incluídos os representantes da Asociación de Profesionais Turísticos da Costa da Morte (APTCM), Pepe Formoso e Damián Álvarez.

O vogal da CMAT e secretario de APTCM, Damián Álvarez, asistirá xunto a unha profesional do márketing en representación da CMAT, a reunións de traballo con máis de vinte axencias e turoperadores de todo o mundo, presentando o destino Costa da Morte.

A CMAT presentará o seu vídeo promocional no stand de Turismo de Galicia en FITUR onde tamén se poderá atopar material promocional, como as novas edicións das guías e dos mapas turísticos do xeodestino.

Actos previstos da CMAT en FITUR:

Xoves, 25 de xaneiro ás 13.30 horas: O presidente da CMAT, Manuel Muíño, recollerá o premio SICTED, que acredita á Costa da Morte como destino turístico certificado.

Venres, 26 de xaneiro, ás 12.00 horas: A CMAT realizará no stand Turismo de Galicia a presentación do vídeo promocional Costa da Morte, Destino Turístico Starlight. O presidente, Manuel Muíño fará un percorrido polos proxectos levados a cabo no 2023. Proxectarase un vídeo sobre o que ofrece o xeodestino, con imaxes de todos os recursos ademais de ceos estrelados e de solpores na Costa da Morte. Intervirán tamén Carmen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña e, por último, Pepe Formoso, secretario da CMAT e presidente de APTCM, que aproveitará para poñer en valor a campaña Meses con R, aposta segura e presentar en primicia o libro de Xan Fernández Carrera Rutas turísticas pola Costa da Morte.

+info: Costa da Morte Asociación Turística_Gabinete de Prensa da CMAT. 679.486.961_

Arquivado en:

Novas