X

Costa da Morte pon en marcha a Mesa de Calidade SICTED e a Mesa Starlight para situar o xeodestino na vangarda da excelencia turística

05/09/2023

Costa da Morte pon en marcha a Mesa de Calidade SICTED e a Mesa Starlight para situar o xeodestino na vangarda da excelencia turística

As Torres do Allo acolleron hoxe a constitución de dúas mesas que reafirman o compromiso da Costa da Morte Asociación Turística na mellora da calidade e competitividade do turismo neste territorio.

A Mesa de Calidade e a Mesa Starlight Costa da Morte estarán integradas polos actores do sector nos ámbitos público e privado e servirán para deseñar a estratexia no eido SICTED e no astroturismo.

A actividade do SICTED está cofinanciada pola Deputación dá Coruña. grazas á concesión das axudas ou entes de xestión turística para a anualidade 2023. 

Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) constituíu oficialmente hoxe, 5 de setembro de 2023, nas Torres do Allo (Concello de Zas) a Mesa de Calidade SICTED e a Mesa Starlight Costa da Morte. O acto, ao que asistiron os principais actores implicados na xestión e promoción turística de Galicia, estivo presidido por Manuel Muíño, alcalde de Zas e máximo responsable da CMAT. Estes dous foros, creados no seo da CMAT, “servirán para situar o noso xeodestino, integrado por 17 concellos da Costa da Morte, na vangarda da excelencia turística”, destacou Manuel Muíño ao inicio do acto, no que salientou a “relevancia do encontro de constitución da Mesa de Calidade e da Mesa Starlight da Costa da Morte”. 

A reunión da xunta directiva da CMAT comezou ás 10.00 horas. O encontro serviu para constituír a Mesa de Calidade SICTED, seguindo as pautas fixadas polo Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, dependente da Secretaría de Estado de Turismo; e a Mesa Starlight Costa da Morte, como parte do plan de medidas propostas pola Fundación Starlight, que acompaña a certificación da Costa da Morte como Destino Turístico Starlight, acadada en xaneiro de 2023. 

Na mesa que presidiu o acto de hoxe nas Torres do Allo, ademais de Manuel Muíño, tamén estaban presentes Pepe Formoso, en representación do sector turístico privado da Costa da Morte; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; Enrique Pérez Etcheverría, técnico da Área de Calidade e Proxectos Europeos de Turismo de Galicia; Mavi Lezcano, experta en Patrimonio, e Marta Rodríguez Casas, xestora SICTED e membro do equipo da Secretaría Técnica da CMAT. 

Ferramentas estratéxicas

Marta Rodríguez Casas foi a encargada de explicar as funcións e obxectivos da Mesa de Calidade SICTED e da Mesa Starlight Costa da Morte. Indicou que estas novas ferramentas “serán estratéxicas na promoción e mellora do turismo na Costa da Morte”. Tamén destacou a necesidade de colaboración entre os diferentes sectores, públicos e privados, representados nas mesas para chegar o acadar os obxectivos propostos. 

Costa da Morte Asociación Turística destaca, tras poñer en marcha estas dúas iniciativas, que continúa “o compromiso de mellora da calidade e competitividade” do destino turístico. E tamén traballa na “configuración e promoción de produtos turísticos diferenciadores na Costa da Morte” a través da procura de “colaboracións e sinerxías entre os diversos actores involucrados do sector”. 

A directora da Fundación Starlight, Antonia Varela; e o catedrático da USC, Jorge Mira, enviaron unha mensaxe grabada ante a imposibilidade de estar presentes hoxe nas Torres do Allo. Antonia Varela, de viaxe en Chile, agradeceu a “dilixencia da CMAT” para poñer en marcha as recomendacións para impulsar o proxecto Destino Turístico Starlight e concretamente a Mesa Stalight Costa da Morte. “Estamos nun momento de cambio no sector turístico onde prima a calidade; e na Costa da Morte hai talento, profesionalidade e interese por preservar o ceo”. Augurou que a iniciativa “será un éxito”. 

Pola súa banda, Jorge Mira, ante a imposibilidade de acudir, enviou unha mensaxe. Destacou que as mesas creadas “son oportunas” porque “a posta en valor do ceo nocturno redunda en beneficio da saúde e as condicións de vida da veciñanza da zona a través dun alumeado público eficiente”. O catedrático da USC destacou que “as alcaldías son claves para que esto funcione”, en referencia ao traballo para reducir o impacto dos alumeados públicos. Mira destacou o perfil do visitante que busca ceos puros. “É un turista cun perfil cultural e económico alto, que respecta o entorno e o medio ambiente”. 

Mesa de Calidade SICTED. Entre as súas funcións está a análise da situación turística do xeodestino, a proposta de obxectivos e plans de mellora e a avaliación anual dos participantes no proxecto SICTED, entre outros asuntos clave. As reunións desta mesa terán lugar antes dos Comités de Distinción (xuño e decembro) e, de forma extraordinaria, sempre a proposta dos seus membros. O presidente desta mesa será Manuel Muíño, alcalde de Zas; a vicepresidenta, María Lema Santabaya, concelleira de Cultura do Concello de Dumbría; e a secretaria, Marta Rodríguez Casas, xestora SICTED e membro da Secretaría Técnica da CMAT. Os vogais serán Enrique Pérez Etcheverría, técnico da Área de Calidade e Proxectos Europeos de Turismo de Galicia; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; Pepe Formoso, presidente de APTCM; José Muíño, alcalde do Concello de Cabana de Bergantiños; Damián Álvarez, secretario de APTCM; Juan Carlos García Pose, alcalde do Concello de Coristanco; e Áurea Gómez Sisto, alcaldesa do Concello de Fisterra. 

Mesa Starlight Costa da Morte.Esta acción está enmarcada dentro da actividade "Configuración do produto de turismo astronómico", que está cofinanciada pola Xunta de Galicia, a través dun convenio entre CMAT e Turismod e Galicia para a anualidade 2023. Esta mesa exercerá o seguimento de accións destinadas á conservación do ceo nocturno do xeodestino e servirá para deseñar unha folla de ruta para a promoción de iniciativas para o desenvolvemento do astroturismo e a concienciación cidadá sobre a importancia de preservar os ceos nocturnos do Destino Turístico Starlight Costa da Morte. Será o nexo directo coa Fundación Starlight e servirá de punto de encontro para recoller ideas e proxectos que contribúan á conservación do ceo nocturno, reflectidos na Declaración en Defensa del Cielo Nocturno y el Derecho a la Luz de las Estrellas, á que a CMAT está adherida desde 2022. Está constituída por Administracións públicas municipais, representantes da iniciativa privada do sector turístico, asociacións locais e sector educativo. A CMAT acordou que esta mesa quede constituída polos membros da actual xunta directiva de Costa da Morte Asociación Turística, e que tamén forman parte da Mesa de Calidade SICTED. Así, segundo explica a propia CMAT, “evitamos duplicar órganos de goberno”. Este foro contará con cinco membros honoríficos, que apoiarán iniciativas neste eido. Serán a directora da Fundación Starlight, Antonia Varela Pérez; o director da Área de Física Aplicada da USC, Jorge Mira; a experta en Turismo e Patrimonio, Mavi Lezcano; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; e o técnico da Área de Calidade e Proxectos Europeos de Turismo de Galicia, Enrique Pérez Etcheverría. 

 

Arquivado en:

Novas