X

O Curso de Verán de Turismo da UDC conclúe de xeito exitoso con grandes conclusións sobre a importancia da xestión intelixente no sector turístico

O Curso de Verán de Turismo da UDC conclúe de xeito exitoso con grandes conclusións sobre a importancia da xestión intelixente no sector turístico

Durante dous días, O Ézaro foi testemuña de diferentes debates sobre as oportunidades da xestión intelixente para Galicia e a Costa da Morte

ZAS, 03/07/2024. A CMAT, co apoio da Deputación da Coruña, participou activamente no Curso de Verán organizado pola Universidade da Coruña (UDC) e titulado «Transformación no Turismo: Oportunidades, Retos e Casos de éxito na Xestión Turística Intelixente». Durante o mesmo, interviron diferentes membros da asociación, incluíndo ao presidente, Manuel Muíño e Catherine García Pernas, membro da Secretaría Técnica da CMAT, de Grupo Atlante.

Desafíos e oportunidades da Intelixencia Artificial no Turismo

A primeira mesa redonda do primeiro día do curso, moderada por Catherine García Pernas, ocupouse do potencial da intelixencia artificial como mecanismo para profesionalizar o sector turístico no territorio. Nela, participaron tanto o vicepresidente da Deputación da Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira; como o presidente do Clúster do Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal. Ambos quixeron destacar a importante evolución do sector turístico nos últimos anos: «A día de hoxe contamos cun sector formado, competitivo e que aposta pola calidade», destacou Regueira. Tamén se fixeron eco do problema da falta de datos actualizados no sector turístico e da necesidade de atopar vías para a súa obtención nos próximos anos.

Entre os retos que se prantexaron nesta mesa, salientaron a importancia de adaptarse aos cambios e aprender a aproveitar os avances tecnolóxicos para poder mellorar a xestión turística. Se ben é certo que existen outros importantes retos con menos relevancia tecnolóxica por diante nos que a Costa da Morte debe continuar traballando desde a cooperación público-privada.

Outro dos grandes retos é precisamente o da xestión dos datos sobre turismo, xa que unha vez obtidos os mesmos, é importante ter mecanismos para utilizalos nas estratexias de planificación. Deste xeito, melloraría moito a calidade e eficacia da xestión turística en xeral.

Un novo paradigma para a xestión turística

Durante a segunda mesa redonda, abordouse a necesidade de aplicar mecanismos de xestión e planificación turística intelixentes para mellorar a eficacia no sector. Nesta mesa, participaron coa súa experiencia Xosé Manuel Merelles, director de Turismo de Galicia; María do Rosário Borges, do Observatorio Turístico do Alentejo e Ada González Fernández, técnica de turismo do Concello de Dumbría. Esta mesa foi moderada por Iria Caamaño, directora do curso e docente na UDC.

Dous días para mellorar as oportunidades da Costa da Morte

Durante o segundo día de conferencias, houbo oportunidade para falar de temas de gran relevancia para o turismo. Abriu a mañá Ana Leiras, da Universidade da Coruña, falando sobre a necesidade de facer accesibles os datos no eido turístico para mellorar tanto a xestión como a experiencia de usuario.

Ao medio día, foi a quenda de Sergio Muíño Freire, da Universidade de Santiago de Compostela, cunha conferencia centrada na relación entre desenvolvemento local e turismo e como unha boa xestión turística pode axudar a xerar oportunidades no territorio.

Xa durante a tarde e para rematar, levouse a cabo un obradoiro con casos prácticos da aplicación da intelixencia turística na planificación en diferentes destinos por parte de diferentes profesionais da Universidade da Coruña; como Begoña Muíño, Silvina López e Iria Caamaño.

Seguir avanzando na xestión turística na Costa da Morte

Este curso, que foi posible grazas ao traballo conxunto da Universidade da Coruña; de Costa da Morte Asociación Turística; da Deputación da Coruña e do Concello de Dumbría, permitiu unha posta en común dos grandes retos que atravesa o turismo para os próximos anos en Galicia pero tamén específicamente na Costa da Morte. Uns retos que, á vez, implican oportunidades que hai que aproveitar.

A CMAT apoiou tamén economicamente o desenvolvemento do curso, como actividade enmarcada dentro das axudas da Deputación da Coruña aos entes de xestión turística da provincia. A presenza e apoio da asociación neste tipo de encontros é un síntoma da boa saúde e dirección coa que as entidades públicas e privadas relacionadas co turismo contan no noso territorio. Neste sentido, a CMAT impulsará novas actividades e cursos destinados a mellorar as oportunidades e a formación do sector turístico na Costa da Morte.

 

Arquivado en:

Novas