X

Entrevista a José Manuel Pequeño Castro, Alcalde de Dumbría

Entrevista a José Manuel Pequeño Castro, Alcalde de Dumbría

Continuamos cas entrevistas aos concellos co Concello de Dumbría. O concello de Dumbría está situado no Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía, a uns setenta kilómetros de Santiago e pertence á provincia de A Coruña. É un concello simbólico da comarca de Costa da Morte debido a que a desembocadura do seu principal río, o Ézaro, precipítase ao océano Atlántico en forma de fervenza.

Hoxe amosámosvos o concello dende o punto de vista de José Manuel Pequeño Castro, Alcalde. Deixámosvos as mellores respostas: 

Que sentimentos esperta para ti Costa da Morte? Que significa para ti?

Costa da Morte é liberdade, é respirar profundo e empaparte do seu lado salvaxe, é un xeito distinto de entender a vida.

Costa da Morte é descubrir cada día camiños novos, paisaxes novas e moi diferentes entre si. É saborear lentamente cada bocado, e non só gastronomicamente falando senón en tódolos sentidos da vida.

Tres motivos para descubrila

Gastronomía, paisaxe natural única, e a súa diversidade e variedade a todos os niveis.

En qué época do ano che gusta máis Costa da Morte e por que?

Difícil escolla! Cada época ten o seu encanto. Recoméndovos que nos visitedes en todas elas e elixades por vós.

A primavera é a vida abríndose paso, o verde intenso, as camiñadas eternas.

O verán tráenos a cara doce da Costa da Morte, a froita nas hortas, as augas limpas, os paseos pola praia, o bulicio da xente nas rúas.

Do outono, quédome coas postas de sol, a caída das follas na Carballeira de Berdeogas, menos masificación; o bo tempo, xeralmente.

E o inverno tráenos as impresionantes imaxes da natureza da Costa da Morte no seu máximo esplendor, coa fereza das súas augas, das salgadas do océano, pero tamén das doces dos ríos e fervenzas que atopamos a cada paso.

Para os turistas que se animan a visitarvos fóra da tempada de verán, que experiencias non poden perderse?

  • Camiñar entre a néboa, facendo, por exemplo, o Camiño polas Terras do Vákner.
  • Gozar da fervenza do Ézaro caendo salvaxe e pletórica grazas ás chuvias.
  • Desfrutar do ruxido do mar nun día de temporal.
  • Probar a nosa gastronomía de inverno, de pota, quente; e se é ao carón dunha lareira, xa sería o summum de saborear un bo cocido.

Ademais da Fervenza do Ézaro, que outros lugares ou experiencias non poden perderse?

  • Subir en bicicleta ao Miradoiro do Ézaro.
  • Ver a Fervenza do Ézaro e o seu entorno nun paseo en kaiak.
  • Facer unha merenda campestre na Carballeira de Berdeogas ou na área recreativa de Vilafernández.
  • Sentirte diminuto ante a impoñente natureza e a altura de Ponte Peón, en San Crimenzo, mentres fas un “selfie”, algo tan de moda hoxe.
  • Visitar o cemiterio de cores de Dumbría.
  • Facer un tramo Camiño, visitando Olveiroa.
  • Sentarte ao pés da Pedra Cabalgada do Brazal e admirar o poder do vento e a auga para labrar a pedra.

Galicia en xeral, e Costa da Morte en particular, son sinónimo de boa comida, algunhas recomendacións de pratos típicos para descubrir Dumbría mediante o padal?

Un bo cocido no inverno, a carne criada polos nosos gandeiros cos mellores produtos, unha caldeirada de peixe, as filloas e as orellas do entroido.

Pero tamén a nova cociña que nos están achegando os restaurantes do noso concello, que teñen como base o produto local da mellor calidade e a innovación, que nos fai descubrila con outros ollos, sen prexuízos.

Que vos contan os que vos visitan? Que é o que máis lles apaixona da súa estancia en Dumbría? E de Costa da Morte?

O mimo e o coidado que poñemos en manter as nosas aldeas, co esforzo que iso nos supón, e a estética en xeral dos nosos núcleos.

Sorpréndense polo gran abano de recursos turísticos, afastados da Costa, que descobren na súa visita e que fai que sexan conscientes da diversidade da Costa da Morte, dos contrastes entre as paisaxes marítimas e as de interior, impoñentes por igual.

As túas tres praias favoritas en Costa da Morte? Por que esas? E para os amantes do surf e outras actividades náutico-deportivas?

A do Ézaro, non pode faltar nesta relación por motivos obvios. É a saída ao mar do concello de Dumbría. Levamos máis de 25 anos mantendo a Bandeira Azul e intentando ofrecerlle aos visitantes os servizos básicos para que gocen dela de maneira pracenteira.

A de Carnota, porque é a máis longa de Galicia e permite paseos infinitos.

A praia de Gures, en Cee, porque alí o verán empeza antes e remata despois, polo abrigada que é.

Para o surf, Nemiña e Razo-Baldaio.

Para os amantes do sendeirismo... cal recomendas no teu concello? E cal é a túa preferida en Costa da Morte?

En Dumbría, a ruta que atravesa todo o concello seguindo o curso do río Xallas, desde o encoro da Fervenza, en Olveira, ata a mesma Fervenza do Ézaro, onde morren as súas augas.

Ao longo desta ruta podemos desfrutar da variedade de flora e fauna propia do encoro, na área recreativa de Vilafernández; A Ponte Olveira, onde tivo lugar a gran batalla contra as tropas napoleónicas e onde aínda hoxe se conservan os postos de venda da antiga feira que alí se celebraba.

Atravesa tamén Olveiroa, cita indispensable dos peregrinos, coa súa arquitectura popular e o encanto das súas rúas, que acollen tamén locais onde degustar a boa gastronomía das nosas terras. Seguindo o Camiño Xacobeo e desviándonos uns metros antes de chegar ao Logoso, atoparemos a Pedra Cabalgada do Brazal, fenómeno natural que nunca defrauda.

A ruta continúa seguindo as augas do Xallas por todo o val da parroquia de Buxantes. Alí destaca a fervenza de Xestosa, cos seus muíños; As Teixoeiras, que albergan algunhas das edificacións máis antigas do concello; o acueduto de Ponte Peón, que salva as augas do río de San Crimenzo; para chegar ao encoro de Santa Uxía, ao miradoiro do Ézaro e rematar a ruta desfrutando da fervenza do Ézaro.

E a maior ruta de sendeirismo da Costa da Morte, cos engadidos espirituais e persoais que a acompañan, é, sen dúbida, para min, o Camiño.

Que lugar cres que é o gran descoñecido en Costa da Morte pero que ten un gran interese ou potencial?

Na miña opinión, o gran descoñecido da Costa da Morte é toda ela en si.

Quen viaxa a Galicia non o fai porque veña expresamente aquí. Non saben de nós, aínda que, co traballo de promoción que se leva facendo nos últimos anos, isto empeza a cambiar. En gran parte grazas ao Camiño, que é o noso mellor escaparate e a nosa mellor promoción.

O viaxeiro vén a Galicia e trae na mente desprazarse un día a unha das cidades, ou á Ribeira Sacra, ou ás Rías Baixas; pero non nos trae a nós en mente.

Iso si, unha vez que nos atopa, repite. Adoita converterse nun visitante que volve porque descubre as bondades deste recuncho, a paisaxe, tanto de mar coma de interior, a gastronomía, a tranquilidade,...

Onde atopamos a mellor posta de sol?

A Posta de Sol con maiúsculas é a de Fisterra, a da fin da Terra, onde todo remata, onde todo chega ao seu fin, o día, o Camiño,...

Arquivado en:

Entrevistas