X

Entrevista a Margarita Lamela Louzán, Alcaldesa de Cee

Entrevista a Margarita Lamela Louzán, Alcaldesa de Cee

Continuamos cas entrevistas aos concellos co Concello de Cee. O concello de Cee asómase ao mar por tres fragmentos de costa: a ría de Lires no noroeste, a praia de Estorde na enseada fisterrá e, desde o mesmo Cee ata a enseada de O Ézaro. 

Cee é o punto esencial no Camiño de Santiago a Fisterra xa que, pertence ao último tramo do mesmo, ofrece a entrada ao mar ao peregrino. Desde o Alto de San Pedro Mártir, na parroquia da Pereiriña, os camiñantes divisan por primeira vez o mar dende a súa partida da Catedral. 

Cee ofrece a tranquilidade e as comodidades dunha vila acompañadas dos servizos de calquera cidade.

Hoxe amosámosvos o concello dende o punto de vista de Margarita Lamela Louzán, Alcaldesa de Cee. Deixámosvos as mellores respostas: 

Que sentimentos esperta para ti Costa da Morte? Que significa para ti?

Como lugar no que nacín, resido e traballo, a Costa da Morte é algo marabilloso que penso se debe poñer e valor non só para os que nos visitan senón tamén para os seus propios habitantes, xa que a moitas cousas das que atesoura, por telas moi preto seguramente, non lle damos a verdadeira importancia que merecerían.

Tres motivos para descubrila

As súas paisaxes, as súas xentes e a súa riqueza patrimonial.

En qué época do ano che gusta máis Costa da Morte e por que?

O outono e o verán, polas súas cores, e por esa luz tan especial que aínda realza máis a fermosura que de por sí ten a nosa terra.

Para os turistas que se animan a visitarvos fóra da tempada de verán, que experiencias non poden perderse?

A visita ó Museo e xardíns da Fundación Fernando Blanco. Tamén un paseo polo noso litoral permite unha experiencia moi diferente e sorprendente xa que nos permite descubrir a verdadeira esencia da Costa da Morte.

Ademais da Ermida de San Pedro Mártir, que outros lugares ou experiencias non poden perderse?

O entorno de Gures e Caneliñas, a vista pintoresca desde Ameixenda, un paseo polo casco histórico, paseo marítimo de Cee, os muiños de Toba, a praia de Estorde ou o solpor de Lires... Todos eles, lugares máxicos para relaxarse e evadirse da realidade cotiá. 

Galicia en xeral, e Costa da Morte en particular, son sinónimo de boa comida, algunhas recomendacións de pratos típicos para descubrir Cee mediante o padal?

Temos a sorte de contar cunhas materias primas de primeira calidade e seríame moi difícil escoller unha. A miña recomendación ós visitantes que se achegan a Cee é que den un paseo pola praza de abastos municipal e alí, ademais de ser aconsellados polos diferentes profesionais que alí están, poderán escoller en función dos seus gustos. 

Que vos contan os que vos visitan? Que é o que máis lles apaixona da súa estancia en Cee? E de Costa da Morte?

O ter todos os servizos moi preto coa comodidade e calidade de vida que eso conleva. Cee combina os servizos dunha gran cidade coa tranquilidade da vida das zonas rurais e iso, sen dúbida, é moi apreciado polos nosos visitantes. Da súa estancia na Costa da Morte, o mar e toda a zona costeira.

As túas tres praias favoritas en Costa da Morte? Por que esas? E para os amantes do surf e outras actividades náutico-deportivas?

O concello de Cee conta con praias moi diferentes pero todas cun encanto especial. Eu destacaría as de Gures, Estorde e Lires. A primeira pola súa tranquilidade, area fina e augas cristalinas, a segunda pola súa domesticidade, paraxe natural e por ser un lugar moi axeitado para desfrutar da praia en familia e a terceira polo seu marco incomparable e a fermosura das postas de sol que alí se poden contemplar. Ó carón desta última, a praia muxián de Nemiña é un lugar propicio para a práctica do surf, mentras que para outras actividades náuticas recomendaría a praia da Concha, no núcleo urbano de Cee, por todas as comodidades que pode ofrecer. 

Para os amantes do sendeirismo... cal recomendas no teu concello? E cal é a túa preferida en Costa da Morte?

O roteiro que vai de Brems a Ameixenda, o roteiro por Toba, os trazados do Camiño Xacobeo ao seu paso por Cee (a primeira fiestra ao mar), o coñecido como camiño dos Faros ao seu paso pola costa de Lires..., permítenos gozar dunhas espectaculares paisaxes e dun rico patrimonio etnográfico e artístico. Na Costa da Morte hai infinidade de alternativas pero eu quedaríame co litoral de Cee desde Brems ata Gures, pasando por Ameixenda, neste lugar temos unha das vistas panorámicas máis impresionantes de Costa da Morte na que se vislumbra o cabo Fisterra ao fondo, o monte Pindo que parece querer precipitarse ao mar e as Illas Lobeiras e os Carrumeiros ao centro. 

Sen ser Cee, quédome co Monte do Pindo e o impresionante litoral de Carnota, calquera recuncho deste litoral é fermoso. 

Que lugar cres que é o gran descoñecido en Costa da Morte pero que ten un gran interese ou potencial?

Sen dúbida, a parroquia de Ameixenda que engloba Gures e Caneliñas. Creo que agocha un rico patrimonio histórico-artístico e goza dunhas vistas privilexiadas sobre a ría e o Cabo Fisterra.

Onde atopamos a mellor posta de sol?

Cada rincón da nosa costa é único e todos teñen algo especial. O importante é o que lle aporta cada un deses lugares ó visitante. Para min, é Lires ese rincón especial, neste caso. 

 

Arquivado en:

Entrevistas