X

Entrevista a María Lago, Técnica de Turismo de Carnota

Entrevista a María Lago, Técnica de Turismo de Carnota

Continuamos cas entrevistas aos concellos co Concello de Carnota. Carnota está situado no extremo occidental da Coruña, ao sur de Fisterra, lindando cos concellos de Muros, Dumbría e Mazaricos. 

As principais protagonistas do concello de Carnota na paisaxe son, sen dúbida, as rochas graníticas do Monte Pindo, que formaron un espazo natural incomparable dende o punto de vista xeomorfolóxico.

As actividades tradicionais eran, ata non hai moito tempo, a pesca e a agricultura, pero foron perdendo peso. Na actualidade podemos dicir que a riqueza do litoral permite a explotación empresarial dos recursos do mar, sector no que destacan as granxas de rodaballo de Lira e de Quilmas.

Hoxe amosámosvos o concello desde o punto de vista de María Lago, Técnica de Turismo. Deixámosvos as mellores respostas:

Que sentimentos esperta para ti Costa da Morte? Que significa para ti?

A Costa da Morte é ese lugar que che fai sentir libre e con ganas de volver.

Tres motivos para descubrila.

  • A gastronomía da Costa da Morte nunca defrauda, ofrece un produto de alta calidade e con moi boa relación calidade prezo.
  • As praias da Costa da Morte tamén son sempre unha garantía de éxito debido a súa area branca e fina e as augas cristalinas da maior parte delas.
  • As mostras de patrimonio cultural propias da zona como os hórreos ou os muíños de auga pero tamén o patrimonio inmaterial como as festas e tradicións.

En qué época do ano che gusta máis Costa da Morte e por que?

A Costa da Morte posúe un encanto diferente segundo as distintas épocas do ano. No verán o tempo acompaña e a oferta de actividades é máis ampla e no inverno o mar nesta zona ten un atractivo especial durante os temporais. Pero posiblemente a época máis bonita sexa a primavera cando florece a chorima e se poden ver os montes tinguidos de amarelo.

Para os turistas que se animan a visitarvos fóra da tempada de verán, que experiencias non poden perderse?

Visitar os hórreos de Carnota e Lira, os miradores de Louredo e Lira ou a fervenza de Pedrafigueira son visitas que se poden realizar en calquera época do ano. Dar un paseo pola Senda Verde tamén é sempre unha boa opción onde se pode contemplar ademais distintos xacementos arqueolóxicos.

Ademais da praia de Carnota, que outros lugares ou experiencias non poden perderse?

Subir ao monte Pindo é unha experiencia moi reconfortante. Un lugar cargado de mitos e lendas onde poder contemplar as distintas formacións rochosas en forma humana e animal que se foron formando froito da erosión do granito. As vistas dende a Moa son fascinantes e o esforzo ben merece a pena.

Os amantes da artesanía poden visitar un taller de cerámica que ofrece visitas guiadas gratuítas con acceso á exposición e ao taller do artista e para os que queren vivir unha experiencia máis activa, poden desfrutar dunha xornada de pesca da man dun patrón experimentado da zona.

Galicia en xeral, e Costa da Morte en particular, son sinónimo de boa comida, algunhas recomendacións de pratos típicos para descubrir Carnota mediante o padal?

Sen dúbida. Recomendaría os produtos do mar sobretodo pulpo e mariscos que son de calidade excelente na nosa costa.

Que vos contan os que vos visitan? Que é o que máis lles apaixona da súa estancia en Carnota? E de Costa da Morte?

O que máis lles gusta de Carnota é a paisaxe e valoran moito o estado de conservación do litoral practicamente virxe, sen grandes edificacións a pé de praia. A gastronomía e o carácter das xentes da Costa da Morte tamén son moi valorados.

As túas tres praias favoritas en Costa da Morte? Por que esas? E para os amantes do surf e outras actividades náutico-deportivas?

A praia de Carnota, todo un referente da Costa da Morte e de toda Galicia. Un lugar especial, con augas cristalinas e kilómetros de area que ten como telón de fondo o monte Pindo.

A praia de Lariño é unha das miñas favoritas porque se atopa nun entorno idílico sen aglomeracións, perfecta para desconectar. Tamén é frecuentada por deportistas experimentados para a práctica de surf e kitesurf.

A praia de Razo tamén me gusta moito, é unha praia grande que ofrece bastantes servizos.

Para os amantes do sendeirismo... cal recomendas no teu concellos? E cal é a túa preferida en Costa da Morte?

En Carnota recomendaría dúas especialmente, a subida ao Monte Pindo e a Senda Verde. Da Costa da Morte o referente penso que é o Camiño dos Faros.

Que lugar cres que é o gran descoñecido en Costa da Morte pero que ten un gran interese ou potencial?

A zona de Caneliñas, onde se atopa a antiga ballenera, tanto pola súa ubicación como pola historia que hai detrás.

Onde atopamos a mellor posta de sol?

Ao longo da Costa da Morte pódese desfrutar de solpores de película en numerosas lugares. En Carnota destacaría dúas ubicacións especialmente: unha zona moi frecuentada para ver o luscofusco é detrás do faro de Lariño e o outro lugar é o Monte Pindo onde se pode contemplar o último solpor da Europa Continental entre  o 24 de marzo e o 23 de abril e entre o 18 de agosto e o 19 de setembro.

Dos escenarios máis recomendables para ver o solpor do resto da Costa da Morte quédome cos faros de Fisterra e Touriñán.


Arquivado en:

Entrevistas