Entrevista a Mónica Rodríguez Ordóñez, Alcaldesa de Vimianzo
Continuamos cas entrevistas aos concellos co Concello de Vimianzo. O concello de Vimianzo é a capital natural da Terra de Soneira. Forma parte da denominada Costa da Morte e linda cos concellos de Laxe, Camariñas, Muxía, Dumbría e Zas. Pola parte sureste limita co Encoro da Fervenza, que o separa do concello de Mazaricos.
O concello de Vimianzo conta dentro do seu patrimonio histórico cun importante número de igrexas, edificios, etc. que recollen diferentes estilos arquitectónicos. Tamén posúe un importante legado histórico; é un concello no que se pode apreciar a evolución da civilización humana dende a Idade Castrexa ata a actualidade: dolmens, mámoas, petróglifos, castros, mostras do Románico e do Renacemento, arquitectura civil e relixiosa, conflúen na diversidade das terras de Soneira.
Hoxe amosámosvos o concello dende o punto de vista de Mónica Rodríguez Ordóñez, Alcaldesa de Vimianzo. Deixámosvos as mellores respostas:
Que sentimentos esperta para ti Costa da Morte? Que significa para ti?
Inspírame natureza e cultura a carón do bravo Atlántico, unha conexión con todo o litoral oeste de Europa. É a terra do solpor, co seu lado salvaxe e de misterio.
Tres motivos para descubrila
- A súa paisaxe atlántica, con acantilados, praias de mar aberto, rías, sendeiros e esa multitude de balcóns ao solpor. Chega ata aquí a prolongación do Camiño a Fisterra e Muxía que, deseguro, ten a súa orixe en ver ese fin do mundo.
- O patrimonio cultural, que permite facer un percorrido pola historia de humanidade galaica, desde a época dos dolmens ata a actualidade, pasando por castros e castelos. Para a súa interpretación abren as portas varios museos e centros dispersos polos dezasete concellos do xeodestino: Dolmen de Dombate, Torres do Allo, Batáns de Mosquetín, Castelo de Vimianzo, Casa do Oleiro en Buño, Museo de Carballo, Museo do Mar de Fisterra....
- As súas xentes, hospitalarias e portadoras de saberes coma as artesanías que se poden ver no Castelo de Vimianzo.
En qué época do ano che gusta máis Costa da Morte e por que?
A primavera e, sobre todo, o verán teñen o seu atractivo pola multitude de celebracións, polas horas de luz e pola temperatura, que nos permiten gozar desta terra. Temos a sorte de que aínda non está masificada. Durante estas estacións hai multitude de actividades deportivas, culturais e gastronómicas.
Seguen o outono e o inverno, coa caída da folla, os seus coloridos e os seus froitos. Boa época para facer sendeirismo, apañar castañas, recoller setas, para pasear a carón do mar ou para compartir un bo xantar. Incluso, cando hai fortes temporais, é todo un espectáculo ver o mar embravecido desde un lugar seguro.
Para os turistas que se animan a visitarvos fóra da tempada de verán, que experiencias non poden perderse?
- Un paseo por algunha das nosas praias
- Un solpor
- Un sendeiro
- Unha visita a algún museo ou centro de interpretación
- Unha boa comida cos produtos do mar e da terra
Ademais do Castelo de Vimianzo, que outros lugares ou experiencias non poden perderse?
- Batáns do Mosquetín
- Senda interpretativa de Cereixo
- Ruta dos Penedos de Pasarela e Traba
- Ruta dos Dolmens
- Ruta polo Val de Vimianzo
- Roteiro Fidalgo
- Vía Maríana e visita a Orbellido, a carón do embalse de Fervenza
- Un chocolate con churros o día do mercadillo, todos os xoves en Vimianzo
- Programación cultural e deportiva do municipio e actividades de diversos colectivos
Galicia en xeral, e Costa da Morte en particular, son sinónimo de boa comida, algunhas recomendacións de pratos típicos para descubrir Vimianzo mediante o padal?
Vimianzo é unha referencia no mapa gastronómico da Costa da Morte pola abundancia de establecementos, polo seu bo facer e pola variedade que se pode atopar nas súas cartas, que vai desde as verduras ata as carnes, pasando polos peixes e mariscos, produtos que se preparan con receitas tradicionais ou incorporando as últimas tendencias dos fogóns.
As carnes á parrilla ocupan un lugar destacado na oferta e o menú do día non foi esquecido polos nosos restauradores e os traballadores da zona saben que dispoñen dun amplo abano de pratos por un módico prezo.
Empanadas de bacallau, caldeiradas de pescados, guisos, estofados, caldo, bolos do pote e callos completan esta oferta que se extende aos pinchos dos bares.
Hai que resaltar a alianza da industria alimentaria con esta oferta gastronómica, provinte das panaderías e das cárnicas.
Outro aspecto relacionado co bo comer é o lúdico e, nos últimos anos, os Pinchos Irmandiños, que preceden á Festa do Alsalto, acapararon un gran éxito. A Faguía de Carnés, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, protagonízase pola degustación de callos que preparan os veciños.
Que vos contan os que vos visitan? Que é o que máis lles apaixona da súa estancia en Vimianzo? E de Costa da Morte?
Valoran moi positivamente os espazos interpretativos do Castelo e os Batáns e tamén as visitas guiadas e teatralizadas que se organizan.
As túas tres praias favoritas en Costa da Morte? Por que esas? E para os amantes do surf e outras actividades náutico-deportivas?
- A praia de Traba, polo seu carácter salvaxe e por formar parte do percorrido do Camiño dos Faros que a une con Camelle nun fermoso traxecto de rochas e acantilados.
- A praia de Ariño, por ser de ría e un lugar con arboleda e merendeiro, moi cómodo para pasar un día en familia
- A praia do Rostro, un areal que nos conecta co Atlántico e co solpor e que ten unha sonoridade especial.
Para os amantes do sendeirismo... cal recomendas no teu concello? E cal é a túa preferida en Costa da Morte?
A ruta dos Penedos de Traba e Pasarela é unha magnífica opción.
Desde o concello organízanse varias rutas guiadas ao largo do ano que teñen moito éxito. Ademais, existen outras posibilidades:
- O Camiño dos Faros, que transcurrre pola costa e pasa por Vimianzo entre Traba e Camelle e en Cereixo.
- A Vía Mariana, que une Braga con Muxía e atravesa as parroquias de Baíñas e Berdoias, e se complementa coa ruta a carón do encoro e o vieiro Fidalgo.
Que lugar cres que é o gran descoñecido en Costa da Morte pero que ten un gran interese ou potencial?
O mar de ardora, a observación das estrelas e as postas de sol.
Onde atopamos a mellor posta de sol?
En Vimianzo hai varios lugares, un deles é o Alto de San Bartolo, moi cerca da capital do municipio.