X

Entrevista a Xosé Regueira, Concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo

Entrevista a Xosé Regueira, Concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo

Continuamos cas entrevistas aos concellos co Concello de Carballo. Carballo, capital de Bergantiños, está situado ao norte de Costa da Morte. Epicentro económico e comercial da comarca, cruce de camiños entre Santiago, A Coruña e Fisterra, o pobo é na actualidade un núcleo dinámico e cheo de vida, con grande capacidade de atracción. 

O 60 por cento das e dos carbalenses viven nun núcleo urbano, que conta coa importante franxa de poboación xoven, chea de enerxía e de proxectos.

Entre o mar e a terra, entre o impulso dun pobo comercial e de servizos, e un rural que destacou sempre pola fertilidade das terras de Bergantiños, Carballo entende enérxico as súas raíces cara o futuro. 

Hoxe amosámosvos o concello dende o punto de vista de Xosé Requeira, Concelleiro de Promoción Económica e Turismo e Vicepresidente e Deputado de Turismo da Deputación da Coruña. Deixámosvos as mellores respostas:

Que sentimentos esperta para ti Costa da Morte? Que significa para ti?

Costa da Morte é o meu espazo vital, de nacemento e de residencia, para min significa pertenza, identidade, compromiso... vida.

Tres motivos para descubrila.

Paisaxe, autenticidade e cultura, serían os tres motivos que sempre saen da miña boca ou do meu teclado cando me preguntan os motivos polos que visitar Costa da Morte, aínda que hai moitos máis. Paisaxe, e non só mariñeira e litorial, porque o interior da Costa da Morte agocha lugares de extraordinaria singularidade e beleza; autenticidade porque aínda conserva o carácter das súas xentes, as súas fórmulas ancestrais de entender o territorio e, ainda que moitos dos oficios tradicionais xa non existen, o mar e a terra seguen sendo fundamentais na economía do territorio e a súa explotación modela aínda a realidade das persoas que vivimos aquí; e a cultura, cunha visión ampla, dende as tradicións, a cultura inmaterial e o patrimonio artístico e cultural, até a arte contemporánea, e dende a música tradicional até a electrónica máis a vangarda. 

En qué época do ano che gusta máis Costa da Morte e por que?

Non vou negar que o verán é un mes extraordinario para visitar Costa da Morte porque é unha realidade. Clima suave, paisaxe extraordinario, oportunidade de practicar moitos deportes e longos días. Mais penso que quen se atreva a descubrir Costa da Morte en inverno ou outono vai ter oportunidade de presenciar a verdadeira alma do territorio, sobre todo no litoral. Ademais é unha época extraordinaria para practicar deportes como o surf, o BTT ou o sendeirismo.

Para os turistas que se animan a visitarvos fóra da tempada de verán, que experiencias non poden perderse?

O outono e o inverno son momentos gastronómicos extraordinarios para "probar" a Costa da Morte, tanto de produto de horta como de mar. Esa razón sería xa suficiente para vir nestas dúas estacións. Mais tamén a paisaxe, a auga gana relevancia tanto no litoral como no interior, e as paisaxes mariñeiras e fluviais teñen unha potencia extraordinaria nestas estacións. Os deportes como o surf tamén gozan de moi boas condicións para a súa práctica neste tempo, mais outros como o sendeirismo ou a BTT tamén se poden practicar xa que o clima é suave en relación con outros puntos. 

Ademais da praia de Razo, que outros lugares ou experiencias non poden perderse?

O espazo natural Razo-Baldaio é un espectáculo tanto paisaxístico como pola súa riqueza natural e a súa biodiversidade. Mais, Carballo a día de hoxe ten un recurso altamente demandado que é o seu museo de arte contemporáneo ao aire libre, con máis de 100 obras de arte en gran formato distribuídas polo rueiro da vila e a día de hoxe atrae a milleiros de persoas a pasear e a fotografar arte urbano. O Concello de Carballo é sobre todo cultura e deporte, e durante todo o ano a oferta hostaleira cúbrese grazas á programación de festivais internacionais como o Carballo Interplay, Rexenera Fest ou Fiot, e grandes probas deportivas de carácter autonómico, estatal ou mesmo internacional que se celebran na localidade grazas ao músculo deportivo local que conta con equipos en competicións de ámbito autonómico e estatal en disciplinas como o fútbol, balonmán, baloncesto, ciclismo, atletismo hoquei, natación, salvamento, motor, padel, xadrez... e seguro que me queda algún. O turismo deportivo é moi importante para o concello.

Sen dúbida, non podemos esquecer un lugar fundamental e moi recomendábel, o Balneario de Carballo, o único mineiro medicinal da Costa da Morte, que atrae a milleiros de persoas cada ano a tratarse de diferentes doenzas nas súas augas e a descubrir durante a súa estadía Carballo e a Costa da Morte.

Galicia en xeral, e Costa da Morte en particular, son sinónimo de boa comida, algunhas recomendacións de pratos típicos para descubrir Carballo mediante o padal?

Carballo é pan, con marca rexistrada e cunha tradición ancestral de panadeiras e panadeiros, mesmo temos unha ruta de sendeirismo que se chama “Ruta dos muíños do pan”; porén, pan, empanadas e pan de ovo, son un auténtico manxar. Mais non podemos esquecer a faba, coa que abastecemos boa parte da demanda asturiana, un produto que conta mesmo con feiras específicas; ou a pataca de máis prestixio de Galiza, a “Fina de Carballo”, difícil de degustar fóra de noso concello. E se a todo iso lle engadimos unha carne de primeira calidade, e no caso de Carballo o chuletón de boi ou de vaca summum de Galicia xa se teñen asentado na oferta gastronómica da localidade con sona en pontos moi alonxados do noso municipio, e un mercado de abastos que trae o mellor das lonxas da Costa da Morte, a gastronomía ten á forza de ser un motivo fundamental para achegarse aos nosos locais de hostalería con éxito asegurado na experiencia.

Ademais, o litoral carballés, cun clima moi benigno, produce uns produtos de horta dunha calidade extraordinaria. A tempada micolóxica tamén conta cunha moi boa oferta na restauración.

E non me podo esquecer de produtos singulares de altísima calidade que temos na localidade como o chocolate Mariño ou atún Calvo.

Mais Carballo, que conta cunha escola municipal de cociñeiros, ten unha oferta gastronómica rica e variada, mais aló do produto, con excelentes restaurantes que transforman o que sae da nosa horta, da nosa cabana gandeira e do noso mar en bocados extraordinarios.

Que vos contan os que vos visitan? Que é o que máis lles apaixona da súa estancia en Carballo? E de Costa da Morte?

Sen dúbida, Carballo é un concello acolledor, cunha ampla oferta cultural, deportiva, gastronómica, paisaxística e moitos servizos que ofrecerlle ás persoas que nos visitan. En Carballo destacan xustamente iso, a súa oferta urbana e litoral. No ámbito urbano Carballo xa se ten convertido nunha pequena cidade e con ela ten medrado un comercio renovado e innovador, unha hostalería de calidade e unha reformulación do espazo máis pensada para as persoas e que ten a arte urbana como factor de atracción, e a programación cultural e deportiva como factor de dinamización e de cohesión dándolle valor a todo. E o litoral é unha referencia para un perfil de turismo que ten no surf ou na observación da natureza as súas principais motivacións para visitarnos. Carballo no litoral é referencia en surf, en observación de aves, en pesca deportiva e tamén en ocio familiar de paseo e relax.

Mais Carballo ten experiencias turísticas de interior moi interesantes e atractivas como A Ruta das Férvedas, a Ruta dos Muiños do pan, as rutas urbanas da streetart, a Ruta dos Pinos do Mar, ou outras moitas ciclabeis que percorren a totalidade do municipio.

Todo iso fai que o perfil turístico se vaia definindo moi claramente cara un perfil xove ou mesmo moi xove, en moitos casos familiar, que busca deporte, cultura urbana mais non masificada, comodidade, servizos e unha boa oferta gastronómica, e por suposto diversión e espectáculos. Carballo ademais, sempre tivo, e ten, vocación de ir máis aló do termo municipal e vendemos Costa da Morte. Para Carballo, Fisterra é Carballo, Seiruga é Carballo, Dombate é Carballo, e iso fortalece e complementa a nosa oferta e fainos máis competitivos ademais de mellorar a experiencia das persoas que elixen Carballo para pasar as súas vacacións.

O feedback é que volve, e iso é o importante. E xente que pasa por Carballo ao ano seguinte vai a outro concello da Costa da Morte e achégase a Carballo para contárnolo, o mesmo que xente que estivo noutro concello da Costa da Morte e que agora elixe Carballo porque veu visitarnos o ano anterior durante a súa estancia.

O Balneario é tamén fundamental na consolidación de produto, milleiros de persoas descobren Costa da Morte pola súa estancia neste establecemento, algún día farase xustiza co poder de dinamización dese establecemento.

Resumindo, cóntannos que vivimos nunha terra incribelmente fermosa, na que se come moi ben e na que a xente é marabillosa, que mais se pode pedir?

As túas tres praias favoritas en Costa da Morte? Por que esas? E para os amantes do surf e outras actividades náutico-deportivas?

As miñas tres praias favoritas da Costa da Morte son a Arnela e Esplanada en Razo e a Pedra do Sal. Tiro para a casa, mais penso que son tres fantásticas praias, con todos os servizos necesarios e nas que o surf conta con excelentes profesionais tanto para iniciar ás persoas que comezan como para aquelas que queren perfeccionarse nesa modalidade deportiva, ou mesmo para aquelas que só buscan facer surf. Calidade de area, excelencia na calidade da auga, servizo de socorrismo, espazo totalmente natural... un paraiso.

Outras praias da Costa da Morte situadas nas rías, algunhas fermosísimas, son aptas para outro tipo de deportes náuticos, mais teñen bos embaixadores e embaixadoras para falar delas.

Para os amantes do sendeirismo... cal recomendas no teu concello? E cal é a túa preferida en Costa da Morte?

No meu concello recomendo a Ruta das Férvedas, a Ruta dos Muíños do Pan e a Ruta dos Pinos do Mar. Na Costa da Morte, sen dúbida, o Camiño dos Faros.

Que lugar cres que é o gran descoñecido en Costa da Morte pero que ten un gran interese ou potencial?

Na Costa da Morte xa hai poucos lugares descoñecidos, mais en moitos aínda hai potencial por explorar. Penso que o territorio aínda ten capacidade de carga e oportunidades de negocio desde ópticas conscientes e cun modelo claramente sustentable. Aínda quedan servizos que ofrecer e buscar un plus de profisionalidade e de planificación na experiencia turística das personas que nos visitan.

Penso que o reto está no modelo de xestión do territorio que ten que buscar a criazón de oportunidades e a xeración de emprego de calidade desde unha xestión e modelo de negocio responsables co medio natural e claramente sustentábeis. Temos unha ameaza para a paisaxe que son os parques eólicos sobre a que é urxente e necesario debater. A enerxía eólica é fundamental, mais ten que estar ben ordenada e obedecer a criterios sociais do contrario acabará debilitando espazos con grande potencial en beneficio das grandes multinacionais enerxéticas.

Onde atopamos a mellor posta de sol?

A mellor posta de sol vese dende o Miradoiro do Castro de Santa Irene no litoral Carballés, un lugar fantástico. Gárdame o segredo.


Arquivado en:

Entrevistas