X

O alumnado de último curso do Grao en Turismo da Universidade da Coruña visita a Costa da Morte, para coñecer de primeira man os recursos do destino e a súa xestión

22/11/2023

O alumnado de último curso do Grao en Turismo da Universidade da Coruña visita a Costa da Morte, para coñecer de primeira man os recursos do destino e a súa xestión

A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) apoiou á UDC na coordinación da súa visita. 

Desta volta, tiveron a oportunidade de coñecer a labor que se leva a cabo desde os concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Malpica e Zas en prol do desenvolvemento turístico e, no segundo cuadrimestre, visitarán a zona sur do xeodestino

ZAS. 22/11/2023_A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), como ente de xestión do xeodestino, apoiou á Faculta de Turismo nas xestións de coordinación para levar a cabo unha visita técnica na Costa da Morte para o alumnado do último curso do Grao en Turismo que se imparte na Universidade da Coruña, como parte práctica das materias de xestión pública e calidade turística, segundo os intereses expostos polo persoal docente da Facultade. 

O grupo de alumnos e alumnas da Facultade de Turismo, trasladaron o seu interese en coñecer certos elementos patrimoniais do territorio, de acordo cos temarios impartidos nas aulas, con especial atención, segundo o seu docente, D. Carlos Rodríguez, “en coñecer a Catedral do Megalitismo, o Dolmen de Dombate, as Torres do Allo, coma exemplo do patrimonio civil, o traballo desenvolvido pola asociación de oleiros de Buño, e espazos de gran valor ambiental, coma o espazo natural de Razo e Baldaio e o Refuxio de Verdes”, co obxecto de “coñecer as fórmulas de aproveitamento turístico destes recursos culturais e naturais tan importantes para a zona”. Ademais, o alumnado tiña especial interese en coñecer “como se traballa desde a CMAT na implantación do SICTED (Sistema de Calidade Turística en Destino) e como traballan a calidade desde o concello de Carballo e o seu distintivo propio, e como a través destes selos se traballa na cooperación público privada e na competitividade nos territorios”. 

D. Manuel Muíño, Presidente da CMAT e Alcalde de Zas, recibiu e deu a benvida ao grupo nas Torres do Allo. “Este tipo de iniciativas permiten aos estudantes achegarse á realidade do sector da man dos profesionais, con experiencias que contribúen moi positivamente á súa formación na xestión de destinos”. 

A técnica de Turismo do concello de Zas, Dna. Tania Carreira, faloulles in situ sobre a historia, evolución e xestión actual das Torres do Allo, o primeiro pazo galego da historia.

Recibiron, tamén, dúas charlas sobre a implantación de selos de calidade na Costa da Morte. Dna. Maite Parga, técnica de Turismo no Concello de Carballo, explicou a súa experiencia coa marca Carballo Compromiso Calidade e, pola súa banda, Dna. Catherine García, da Secretaría Técnica da CMAT, faloulles sobre o proceso de implantación do Sistema Integral de Calidade Turística En Destino (SICTED) da Costa da Morte. 

Xa no Concello de Cabana, foron recibidos no Dolmen de Dombate polo alcalde, D. José Muíño, e a coordinadora de Turismo e Cultura, Dna. Silvia Losada, onde o alumnado tivo a oportunidade de facer unha visita guiada.

Desprazáronse ata o concello de Malpica de Bergantiños, para coñecer de primeira man o traballo da Asociación Oleira de Buño, onde visitaron un obradoiro ao tempo que gozaron dunha mostra en vivo, guiados polo presidente na asociación, D. Antonio Pereira, tamén coñecido como “O Rulo”. 

Posteriormente, percorreron dous quilómetros por unha senda no Refuxio de Verdes, en Coristanco, xunto ao seu alcalde, D. Juan Carlos García, á súa Concelleira de Turismo, Dna. Clarisa Couto, e a súa técnica, Dna. Mónica Cancela, onde tamén puideron realizar unha degustación da popular pataca de Coristanco.  

Antes da última visita, o grupo xantou no Náutico de Razo, establecemento socio da Asociación de Profesionais Turísticos da Costa da Morte (APTCM).

Finalizaron o seu percorrido no espazo natural Razo-Baldaio, en Carballo, para facer unha visita guiada coas técnicas, Dna. Maite Parga e Dna. Inés Andrade, e falar non soamente sobre os seus valores ambientais, senón tamén sobre o desenvolvemento do surf como produto turístico.

O alumnado indicou que “este tipo de actividades axudan a ver a parte práctica do que estudamos en clase e a coñecer os diferentes axentes locais que interveñen no desenvolvemento turístico dun territorio: a parte política, a parte técnica, a parte empresarial e o tecido asociativo”, á vez que destacou “a gran riqueza coa que conta a Costa da Morte, a boa sintonía entre os diferentes axentes implicados e gran hospitalidade, profesionalidade e vocación de cooperación que viron na CMAT e en todas as persoas e entidades que aportaron na visita”. O grupo volverá no segundo cúa cuadrimestre a continuar percorrendo o territorio, xa que consideran que “aínda temos moito que ver no xeodestino, e estamos desexando voltar moi pronto”. 

                  

+ info: Costa da Morte Asociación Turística 

Gabinete de Prensa da CMAT. 679.486.961_

Arquivado en:

Novas