X

A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) celebrará o martes, 28 de novembro, o III Encontro de Turismo da Costa da Morte, en Laxe

20/11/2023

A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) celebrará o martes, 28 de novembro, o III Encontro de Turismo da Costa da Morte, en Laxe

A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) celebrará o martes, 28 de novembro, o III Encontro de Turismo da Costa da Morte, en Laxe

Esta cita anual pretende salientar a importancia do traballo en rede e compartir éxitos e reflexións no eido do turismo da Costa da Morte

O prazo para solicitar praza como asistente rematará o 21 de novembro. 

ZAS. 18/11/2023. A Costa da Morte, un dos destinos turísticos máis senlleiros de Galicia, prepárase para acoller o agardado III Encontro de Turismo de Costa da Morte, que terá lugar o martes, 28 de novembro, no Complexo Turístico A Torre de Laxe. 

A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) está a organizar esta cita anual, que ten como obxectivos principais o de ser un espazo de celebración do traballo en rede, de intercambio de ideas, experiencias e propostas, así como de posta en valor de todo o traballo que se ten realizado desde os inicios da CMAT e ao longo desta última anualidade, para seguir fomentando o crecemento económico e social do noso xeodestino a través do Turismo. 

Están convidados/as a asistir os alcaldes e alcaldesas dos 17 concellos socios da CMAT, así como o seu persoal técnico de Turismo e Cultura, o tecido empresarial do sector turístico da Costa da Morte, asociacións locais de Turismo e Camiño de Santiago Fisterra-Muxía, profesionais do eido da comunicación e colaboradores habituais da CMAT no ámbito turístico, tanto de tipo empresarial, como institucional e académico. Xa está activo na web www.visitacostadamorte.com o formulario online para realizar a solicitude de inscrición ao evento. O prazo para solicitar a asistencia remata o martes, 21 de novembro de 2023, ás 14:00h. Será a CMAT a que confirmará a dispoñibilidade de praza aos solicitantes en función, sobre todo, do aforo do lugar onde se celebrará o evento. No caso de que haxa máis solicitudes que prazas dispoñibles, terán prioridade as persoas que representen aos concellos membros da CMAT e á Asociación de Profesionais do Turismo de Costa da Morte (APTCM). 

Abrirá a xornada e dará a benvida aos asistentes o Presidente da CMAT e Alcalde de Zas, D. Manuel Muíño, para dar paso a D. Xosé Manuel Merelles, Director da Axencia Turismo de Galicia, que falará sobre o futuro do turismo en Galicia e na Costa da Morte e, posteriormente, D. Xosé Regueira, Vicepresidente da Deputación da Coruña, sobre o impacto esperado no territorio dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino.

Da evolución do destino e a traxectoria da CMAT falará Dna. Marta Rodríguez, da Secretaría Técnica da asociación.

Haberá tempo para compartir os resultados da implantación do SICTED no destino, aprender sobre as novas fórmulas de promoción na rede e as oportunidades para a astrofotografía e o astroturismo na Costa da Morte, grazas á colaboración dos expertos D. Emilio Cuíñas, de Autoxiro, Dna. Nuria P. Espasandín, de Toxío.gal e D. Óscar Blanco, de Trevinca Skies. 

D. Pepe Formoso, Presidente de APTCM, rematará a quenda de relatorios falando sobre o asociacionismo empresarial como motor de cambio no desenvolvemento turístico do xeodestino, para dar paso á agardada entrega do recoñecemento Embaixador da Costa da Morte 2023, por parte de Dna. Áurea Domínguez, Alcaldesa de Fisterra.

Clausurará o evento o alcalde anfitrión, D. José Luis Pérez Añón, Alcalde de Laxe, e darase por finalizado este III Encontro de Turismo da Costa da Morte cun cóctel que facilite a conversa e o traballo en rede.

Esta actividade está organizada pola CMAT e conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a CMAT. 

+ info: Costa da Morte Asociación Turística 

Gabinete de Prensa da CMAT. 679.486.961

Arquivado en:

Novas