X

O III Encontro de Turismo da Costa da Morte consolídase como a festa do turismo do xeodestino

29/11/2023

O III Encontro de Turismo da Costa da Morte consolídase como a festa do turismo do xeodestino

Máis de 140 asistentes, entre representantes dos 17 concellos, empresas asociadas a APTCM e diferentes entidades de turismo na Costa da Morte, participaron hoxe en Laxe nesta cita anual do sector.

O catedrático baiés da USC Jorge Mira recibiu o premio ‘Embaixador    da Costa da Morte 2023’, que a CMAT entrega este ano por primeira vez.

“É inspirador ver á CMAT como lidera iniciativas que marcarán o camiño cara o crecemento sostible”, destacou o director de Turismo de Galicia.

Jorge Mira: “O premio é un privilexio que comparto con toda a comunidade”.

ZAS. 28/11/2023. A Costa da Morte, celebrou esta tarde o III Encontro de Turismo de Costa da Morte, no Complexo Turístico A Torre de Laxe. A esta cita anual achegáronse 140 participantes, representantes dos 17 concellos vinculados a Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), a Asociación de Profesionais Turísticos da Costa da Morte (APTCM), e entidades e empresas vinculadas ao turismo na Costa da Morte. O III Encontro de Turismo de Costa da Morte, marco no se que fixo entrega por primeira vez do premio Embaixador da Costa da Morte a o catedrático Jorge Mira, consolídase como a festa co turismo do xeodestino.

O presidente da CMAT e alcalde de Zas, Manuel Muíño, inaugurou a xornada dando unha cálida benvida aos participantes. "É un honor dar inicio a este evento que simboliza a unión e o esforzo conxuntos para potenciar o turismo na Costa da Morte. Este encontro é a expresión viva da colaboración que define á CMAT", expresou Muíño, quen se amosou optimista sobre o porvir do sector turístico do xeodestino.

A continuación, o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, tivo tempo para compartir as súas reflexións sobre o futuro do turismo en Galicia e na Costa da Morte. “Estamos ante un momento crucial para o turismo, e é inspirador ver á CMAT liderar iniciativas que marcarán o camiño cara a un crecemento sostible”, comentou Merelles.

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destacou a relevancia dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino no territorio. "A planificación sostible é esencial para salvar a beleza da Costa da Morte; este encontro é un paso adiante nesa dirección", afirmou Regueira. 

Marta Rodríguez, da Secretaría Técnica da CMAT, compartiu a evolución do destino e a traxectoria da asociación. "Cada paso que damos é froito dun esforzo colectivo. A CMAT enorgullécese de que, despois de anos de esforzo e traballo en conxunto, se vexa clara a contribución do ente ao desenvolvemento turístico do territorio", expresou.

Posteriormente, Emilio Cuíñas, de Autoxiro, expuxo o proceso e resultados da implantación do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED) na Costa da Morte. "Representa un paso significativo cara á excelencia turística, evidenciando o compromiso de todo o sector coa calidade e o traballo en rede”. Nuria P. Espasandín, de Toxio.gal, falou sobre as novas fórmulas de promoción de destinos en liña que “están á nosa disposición e só toca aproveitalas ben, pensando no público, vendendo emocións que poidan chegar a deixar pegada”. Óscar Blanco, de Trevinca Skies, ofreceu os seus coñecementos sobre astrofotografía e astroturismo, e as inmensas posibilidades que ten este produto no destino. “Explorar os ceos da Costa da Morte a través da do astroturismo é abrir as portas a un universo de experiencias únicas.”

O secretario da CMAT e presidente de APTCM, Pepe Formoso, concluíu a xornada destacando o papel fundamental do asociacionismo empresarial no desenvolvemento turístico do xeodestino. “A unión fai a forza, e só co asociacionismo lograremos avanzar no turismo da Costa da Morte. Imos polo bo camiño pero os empresarios tamén precisamos da unión coas administracións locais e autonómicas. Temos que ir todos da man”, afirmou Formoso.

 

Embaixador da Costa da Morte 2023

A entrega, por primeira vez, do recoñecemento Embaixador da Costa da Morte 2023, a cargo da alcaldesa de Fisterra, Áurea Domínguez, “foi un momento emocionante”, no que se recoñeceu o labor destacado do catedrático baiés Jorge Mira, polo seu “compromiso coa terra e incansable traballo a prol do desenvolvemento turístico da Costa da Morte e a súa proxección internacional”. "Este recoñecemento como Embaixador da Costa da Morte é un privilexio que comparto con toda a comunidade”, destaco Jorge Mira. “Sempre é unha honra recibir un premio, pero máis aínda na miña terra, no meu fogar, e sendo o primeiro en acadalo; estou orgulloso e agradecido de poder contribuír ao esforzo colectivo por potenciar o desenvolvemento turístico do xeodestino e proxectar internacionalmente o nome da Costa da Morte”, engadiu emocionado o premiado.

O galardón foi este ano 2023 unha peza senlleira, realizada polo ceramista Nacho Porto, inspirada nos cornos e coa función de altofalante, elaborada cunha fórmula matemática en colaboración coas tres Universidades galegas. “O propósito é que o obsequio sexa diferente cada ano, coa intención de poñer en valor e darlle visibilidade aos artesáns e artesás da Costa da Morte e ao patrimonio artístico e etnográfico do territorio”, destaca a CMAT.

O evento foi clausurado polo alcalde anfitrión, José Luis Pérez Añón, rexedor de Laxe, quen agradeceu a asistencia a todos os participantes á vez que gabou a impecable acollida da celebración por parte do Complexo Turístico A Torre de Laxe. “A nosa vila está encantada de acoller o III Encontro de Turismo da Costa da Morte, e agardo con entusiasmo que continuemos a tecer esta rede colaborativa a través da CMAT, consolidando así a nosa unión para o progreso e a prosperidade turística do noso territorio”.  

O III Encontro de Turismo da Costa da Morte rematou cun cóctel que propiciou a conversa e o fortalecemento da unión do sector.  Un ano máis esta cita reafirma o compromiso do sector no turismo na Costa da Morte e no seu desenvolvemento sostible.

 

A actividade foi organizada pola CMAT e contou co cofinanciamento da Xunta, a través dun convenio con Turismo. 

+ info: Costa da Morte Asociación Turística

Gabinete de Prensa da CMAT. 679.486.961

Arquivado en:

Novas