X

Mazaricos reparte 2.000 racións de bolo do pote na XX edición da festa

Mazaricos reparte 2.000 racións de bolo do pote na XX edición da festa

Nunha ida e vida constante de cociñar, cortar, colocar e dispensar se viron inmersas as persoas da Asociación Monte Picoto e a Asociación de Amas de Casa de Mazaricos. “Este ano foi o que máis xente houbo de todos os últimos”, declarou Angelita, unha das cociñeiras. A carpa quedou pequena e o frío non disuadiu a ninguén, polo que algunhas das persoas tiveron que facer uso dos bancos do campo da feira para degustar o manxar.  O presidente da Asociación de Hostaleiros, Jorge Jurjo tamén sinalou o “éxito” da convocatoria para os locais hostaleiros da vila.

Desde a organización sinalan que deron unhas “2000 racións de bolo”. Moitas das persoas asistentes declararon que o bolo estaba “delicioso” e moitos fixeron de novo a cola para poder degustar outra ración. O alcalde, Juan José Blanco Riveiro afirmou sentirse “orgulloso das tarefas de promoción do produto, tanto en Xantar como na homenaxe a Rosalía de Castro”.

O grupo de gaitas O Verán amenizou o convite e tras iso as persoas asistentes puideron escoitar á charanga Os Jalácticos. Por outra banda, o Concello tamén acolleu unha concentración de coches minis. Foron 30 as unidades que a veciñanza puido contemplar. O gañador ao coche máis fermoso e coidado foi o de José Cacheiro que recolleu o premio de mans de Blanco. A votación levárona a cabo as persoas asistentes.


Arquivado en:

Novas