X

A nova Xunta Directiva de CMAT reúnese por primeira vez para abordar e deseñar a estratexia turística do xeodestino para os próximos meses

07/08/2023

A nova Xunta Directiva de CMAT reúnese por primeira vez para abordar e deseñar a estratexia turística do xeodestino para os próximos meses

Costa da Morte Asociación Turística, en representación do sector público e privado, creará o premio Embaixador da Costa da Morte para recoñecer o compromiso de divulgar o territorio

Acordou potenciar a presenza en feiras sectoriais e xa traballa na organización do III Encontro de Turismo Costa da Morte, que será a final de ano e onde se dará o Premio Embaixador da Costa Morte

A próxima semana o xeodestino acollerá un blogtrip astroturístico onde seis blogueiros darán a coñecer o potencial deste territorio

O xeodestino exporá a final de ano medidas para que os concellos poidan reducir a contaminación lumínica en núcleos de poboación

Baio (Zas). 04/08/2023. A nova Xunta Directiva de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), presidida por Manuel Muíño Espasandín, celebrou onte mércores, 3 de agosto, en Baio a súa primeira reunión para abordar a estratexia para os próximos seis meses. Entre outros asuntos trataron o financiamento, as actividades programadas a curto e medio prazo e as novas iniciativas. CMAT, entre outros proxectos, decidiu a creación en 2023 do Premio Embaixador/Embaixadora da Costa da Morte. O galardón recaerá “en aquelas personalidades que contribúan á divulgación, promoción e conservación do xeodestino”. A nova Xunta Directiva, ademais, acordou potenciar a presenza en feiras sectoriais, tratou as campañas promocionais como o Blogtrip Costa da Morte Starlight, que terá lugar a próxima semana, ou a celebración do III Encontro de Turismo Costa da Morte, previsto para o próximo mes de novembro.

Ademais do presidente, acudiron ao encontro celebrado no Centro Sociocultural de Baio a vicepresidenta, María Lema, concelleira de Turismo do Concello de Dumbría; o tesoureiro José Muíño, alcalde de Cabana; os vogais Áurea Domínguez, alcaldesa de Fisterra, e Juan Carlos García, alcalde de Coristanco; o secretario Pepe Formoso, presidente de APTCM; Damián Álvarez, vogal de CMAT e secretario de APTCM; e Marta Rodríguez e Catherine García, do equipo da Secretaría Técnica.

Costa da Morte Asociación Turística xa traballa nos proxectos reflectidos no Programa de subvencións dirixidos a entes de xestión, asociación, mancomunidades e consorcios turísticos para a mellora da calidade, competitividade e actividades turísticas da provincia da Coruña, da Deputación da Coruña, cuxa resolución definitiva foi publicada hai unhas semanas. CMAT, a través desta liña e en materia de competitividade, impulsou as Xornadas de Intercambio de Boas Prácticas en Xestión Turística e Astroturismo, o Curso de Monitores Astroturísticos Starlight e a implantación do Sistema Calidade Turístico en Destino (SICTED). En materia de creación e promoción de produtos turísticos apoiou a presenza en FITUR 2023 e Turexpo e apoiará a asistencia a INTUR Feira Internacional do Turismo de Interior e Fairway 2023, que se celebrará en novembro en Valladolid e en Santiago de Compostela. O equipo directivo da CMAT tamén abordou as accións que desenvolverá a través do Convenio con Turismo de Galicia, cuxa firma se demora ante os cambios á fronte da dirección desta entidade dependente da Xunta. O ente que xestiona o turismo do xeodestino desenvolverá a creación do Produto de Astroturismo en coordinación cos Monitores Astronómicos Starlight de Costa da Morte, cos 17 concellos que integran o destino turístico e con APTCM.

Ademais, a próxima semana, do 9 ao 12 de agosto, está prevista a celebración do Blogtrip Costa da Morte Starlight, coa presenza de seis blogueiros e blogueiras líderes no ámbito das viaxes. Promocionarán o xeodestino Costa da Morte e darán a coñecer a miles de seguidores. O CMAT tamén deseñará novo material promocional para oficinas municipais de turismo, empresas de APTCM e feiras de turismo.

III Encontro de Turismo Costa da Morte
Así mesmo, Costa da Morte Asociación Turística traballa na organización do III Encontro de Turismo Costa da Morte, unha cita anual que acolle ao sector público e privado deste sector e que servirá para “poñer en común os resultados do ano e fixar os retos do exercicio de 2024”. Celebrarase no próximo mes de novembro. CMAT abrirá en breve un prazo para a presentación de candidaturas de establecementos, cun aforo mínimo de 200 persoas, que se ofrezan para albergar o evento, onde tamén se dará visibilidade aos produtos gastronómicos locais.

No marco do III Encontro de Turismo Costa da Morte, CMAT poñerá en marcha “tres premios especiais”. Un deles será o Premio de Fotografía Costa da Morte Turismo Starlight. Outro, tamén de fotografía, estará relacionado cun dos emblemas e proxectos máis populares do xeodestino: Naturamente salvaxe. Así mesmo, a Xunta Directiva decidiu poñer en marcha o Premio Embaixador/Embaixadora da Costa da Morte. Este galardón recaerá “en personalidades que contribúan de maneira altruísta á divulgación, promoción e conservación dá Costa da Morte”.

Feiras internacionais e Boas Prácticas

A Xunta Directiva de CMAT, por outra banda, analizará a medio prazo a posibilidade de incrementar a presenza do xeodestino durante 2024 en novas feiras de turismo internacionais. E tamén exporá a organización da II Xornada de Intercambio de Boas Prácticas Turísticas en Cooperación Público-Privada. Sería no último trimestre de 2023. A Xunta Directiva de CMAT xa participou en marzo na primeira edición deste encontro, celebrado na Ribeira Sacra e Trevinca.

Pola súa banda, no último trimestre de 2023 está prevista a celebración dun encontro técnico-político en Cabana de Bergantiños para abordar en detalle o Mapa de Zonificación de Costa da Morte, elaborado pola Fundación Starlight. Aí abordaranse medidas para a mellora da iluminación e alumeados públicos e, ao mesmo tempo, daranse a coñecer modelos de ordenanzas municipais que contribúan á redución da contaminación lumínica en núcleos de poboación. Os asistentes coñecerán as accións postas en marcha neste sentido polo Concello de Cabana de Bergantiños. A Fundación Starlight expuxo unha serie de medidas nesta mataria dentro do plan de melloras para Costa da Morte tras a súa certificación como Destino Turístico Starlight.

 

+ info: Costa da Morte Asociación Turística

Gabinete Prensa dá CMAT. 679.486.961


Arquivado en:

Novas