X

O Castelo de Vimianzo consolídase como un dos referentes turísticos da Costa da Morte

O Castelo de Vimianzo consolídase como un dos referentes turísticos da Costa da Morte

Durante o ano 2018 recibiu un total de 37300 visitantes. Esta cifra supón duplicar practicamente o número de visitantes do ano 2013 e incrementar un 25% os visitantes do ano 2017. O maior número de visitas concentrouse nos meses de xullo, agosto e setembro, con case a metade das visitas e unha media de máis de 6000 visitas mensuais.

As visitas guiadas son un dos principais reclamos da fortaleza vimiancesa. Estas visitas están adaptadas ao tipo de público, destacando as visitas de grupos escolares.  Ademais deste tipo de actividades o Castelo de Vimianzo foi, durante o pasado verán un dos centros culturais do concello, xa que nel se celebraron distintos espectáculos que tiveron unha enorme acollida por parte do público. 

Con respecto aos Batáns do Mosquetín, conxunto etnográfico composto por muíños e batáns, nas visitas guiadas participaron case 2000 persoas. Hai que recordar que este conxunto etnográfico pode visitarse de maneira libre durante todo o ano.

Para o alcalde, Manuel Antelo, os números dos visitantes confirman a aposta do goberno municipal polo Castelo de Vimianzo. Con respecto ao Castelo móstrase enormemente ilusionado xa que a súa proxección se incrementará nos anos vindeiros coa recuperación e a posta en valor da súa contorna. Recordemos que o Concello de Vimianzo ten previsto mellorar os accesos e a contorna da fortaleza coa creación dun parque público nos terreos lindeiros da mesma. 

Estas melloras contribuirán dunha maneira fundamental ao crecemento das visitas no Castelo, á integración do monumento na vida da vila e ao desfrute, tanto do castelo como da súa contorna, por parte tanto das e dos visitantes coma das e dos vimianceses.

Arquivado en:

Novas