X

O Concello de Vimianzo promove unha nova escavación arqueolóxica no Castro das Barreiras

O Concello de Vimianzo promove unha nova escavación arqueolóxica no Castro das Barreiras

Dentro do seu plan de recuperación do Patrimonio Cultural, dirixido á súa posta en valor como recurso cultural e turístico, o Concello de Vimianzo acometerá nos próximos días a escavación do Castro das Barreiras. 

Esta actuación, financiada na súa integridade con fondos propios e autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio, conta cun orzamento de 14.000€ e vai estar dirixida polo arqueólogo Tito Concheiro, que xa se fixera cargo das sondaxes levadas a cabo no mesmo xacemento fai oito anos. Esta nova campaña vai consistir na apertura dunha área de 14 x 8 m. situada ao Leste do recinto castrexo, moi próxima á cara interior da monumental muralla. O obxectivo é sacar á luz o conxunto de vivendas de planta circular descuberto nunha das sondaxes feitas no ano 2010. De xeito paralelo aos traballos de escavación e coordinado polas Concellerías de Cultura e Turismo e a dirección técnica do proxecto, levarase a cabo un programa de difusión e divulgación enfocado prioritariamente aos centros de ensino do concello, con visitas activas á escavación, obradoiros e outras actividades relacionadas co coñecemento da Idade do Ferro e a práctica arqueolóxica.

O Castro das Barreiras, situado no lugar de Ogas e á beira da estrada a Fisterra, é un xacemento arqueolóxico singular. Ao contrario que a maioría dos castros emprázase nunha chaira, pero as súas defensas son espectaculares e monumentais. As sondaxes feitas anos atrás descubriron os alicerces de varias vivendas de planta redondeada e recuperaron fragmentos de cerámica indíxena e obxectos metálicos. O seu escavador establece a súa cronoloxía na Segunda Idade do Ferro, entre os séculos III e I antes de Cristo, un aspecto que deberá determinar esta nova campaña arqueolóxica.


Arquivado en:

Novas