X

“Catro formas de vivir Costa da Morte intensamente”, a aposta da CMAT no escaparate mundial de Fitur

16/01/2020

“Catro formas de vivir Costa da Morte intensamente”, a aposta da CMAT no escaparate mundial de Fitur

A Asociación de Turismo da Costa da Morte estará presente na próxima edición de Fitur, a importante feira internacional de turismo que terá lugar en Madrid entre o 22 e o 26 de xaneiro. Formaremos parte do stand de Turismo de Galicia, onde se presentarán outras propostas de territorios veciños.

A presentación do xeodestino Costa da Morte acontecerá o día 22 de xaneiro ás 17:00 baixo o suxestivo título “Catro formas de vivir Costa da Morte intensamente”. O encargado da ponencia será o presidente da CMAT Santiago Toba e contará tamén ca intervención do Delegado Territorial da Xunta de Galicia en A Coruña, Ovidio Rodeiro Tato.

Os catro valores da marca contemplados no Plan de Acción de Turismo Costa da Morte 2019-2021 serán o fío que estructurará a presentación:

 

  • Carácter mariñeiro” representa a influencia da costa na nosa terra a través dos oficios do mar, a gastronomía e artesanía, pero tamén o amplo abano de actividades deportivas e de turismo mariñeiro que se ofertan nos nosos concellos.

  • Naturalmente salvaxe” busca transmitir a paisaxe agreste, os cantís, as praias e as espectaculares rutas que conforman unha xeografía única e difícil de atopar noutro lugar do mundo.

  • Máxica e espiritual” personificada no misticismo das lendas, romarías e festividades relixiosas e pagás e no propio Camiño de Santiago.

  • Tradicional e profunda”, trata de pór en valor o folclore da zona, a tradición vencellada ao patrimonio, as feiras, mercados...

Estes ítems que buscan representar fielmente a riqueza da Costa da Morte e a súa potencialidade turística foron tamén a columna vertebral da guía turística acabada de estrear, e que está dispoñíbel para a súa descarga de balde na web da CMAT.

Despois da súa intervención, proxectarase un vídeo exclusivo creado a partir das aportacións dos diferentes concellos da Costa da Morte sobre o que representan para eles estas “personalidades” dentro do conxunto do xeodestino.

A feira supón un dos eventos máis importantes do sector turístico a nivel mundial cunhas salientables cifras na pasada edición que este ano se pretenden mellorar e bater récords: 165 países e rexións representadas a través de máis de dez mil empresas e 250.000 asistentes entre profesionais e público xeral. O país invitado este ano será Corea do Sur baixo o lema “Imagine your Korea”.

 

 

 

Arquivado en:

Novas