X

Stanley Whittinghan visita Costa da Morte

Stanley Whittinghan visita Costa da Morte

Stanley Whittingham, da Universidade Estatal de Nova York - Binghampton e premio Nobel de Química 2019 pola invención das actuais baterías recargables (as que están en todo tipo de dispositivos móbiles, coches, plantas de almacenamento de enerxía, etc), fixo un amplo percorrido pola Costa da Morte nestes días. Está en Galicia convidado polo Programa ConCiencia e o Colexio Oficial de Químicos de Galicia, na que é a súa primeira visita a Europa trala cerimonia do Nobel.

A Costa da Morte é un lugar no que ten interese e que o levou a evocacións familiares, xa que os seus pais vivían a escasos quilómetros do Land's End, o punto máis occidental de Inglaterra, na rexión de Cornualles (que para os ingleses é un equivalente xeográfico ao que a Costa da Morte supón para España).

Empezámo-lo percorrido pola ponte de Brandomil e vendo os restos romanos desa vila.  Continuamos polo Ézaro, a ver a cascada e o mirador. Amosouse moi interesado na alta concentración de produción eléctrica da zona, así como do elevado potencial eólico da Costa da Morte (el dirixe o centro de almacenamento de enerxía do noroeste dos EE.UU., no estado de Nova York, con máximo apoio institucional do goberno federal dese país).

Seguiu unha visita a Fisterra, onde lle chamou a atención a praza Stephen Hawking e todo o simbolismo do lugar dende a época romana e coa posta do sol. Antes pasaramos polo IES Fernando Blanco de Cee.

Tamén se interesou polas orixes celtas de Galicia, e fomos ao Castro de Borneiro, do que destacou o aspecto virxe da contorna e o vigor e saúde da contorna natural de árbores. A continuación continuamos polo Dolmen de Dombate, no que estivemos falando dos paralelismos dos restos megalíticos do arco atlántico dende Galicia ata Bretaña e as illas británicas. No museo do dolmen estivemos un tempo diante dos mapas, falando de aspectos de arqueoastronomía, sobre todo no que atinxe á orientación solar dos megalitos, algo relevante en varias mostras do megalitismo británico, como en Stonehenge.

Para rematar estivemos en Baio, no paseo ata a carballeira de Baio e tamén estivo vendo a praza Jorge Mira.

Levou con el abundante información, porque valora vir no futuro para enseñarlle o lugar á súa familia (a súa muller é profesora tamén da Univ. Estatal de Nova York, na área de literatura latinoamericana).


Arquivado en:

Novas