X

Vimianzo e laxe xuntos por primeira vez nunha Mesa redonda sobre os Penedos de Pasarela e Traba

Vimianzo e laxe xuntos por primeira vez nunha Mesa redonda sobre os Penedos de Pasarela e Traba

O venres 1 de xuño ás 20.00 horas no Museo do Mar de Laxe, mesa redonda titulada “Un impulso ó plan de conservación dos Penedos de Pasarela e Traba”. O proxecto turístico relaxese 2018 adica este segundo trimestre do ano a potenciar a cultura e a ciencia a través dunha serie de actividades vencelladas con esas temáticas. Unha das actividades programadas busca a posta en valor do macizo dos Penedos de Pasarela e Traba, xa oficialmente Declarados Paisaxe Protexida no ano 2009 pola Xunta de Galicia. Con este motivo, o venres 1 de xuño ás 20.00 horas, haberá unha mesa redonda no Museo do Mar de Laxe.

Participarán o Alcalde do Concello de Laxe, José Manuel Mouzo, o Concelleiro de Turismo de Laxe, Xosé Manuel Pose, o Alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo Pazos, o escritor e historiador Xosé María Lema, o xornalista Juan Ventura Lado, e tamén o catedrático Augusto Pérez Alberti, redactor do informe que impulsou a declación oficial coma Paisaxe Protexida. O obxectivo non é outro que transmitir o sentimento polos Penedos, desde distintos puntos de vista; o dos dirixentes políticos de Laxe e Vimianzo, o do poder asociativo a través da iniciativas do Seminario de Estudos Comarcais, o da repercusión social e nos medios de comunicación, e o do coñecemento técnico.

O que se pretende é unificar obxectivos e plans de traballo entre os Concellos de Laxe e de Vimianzo, para lembrar que a Xunta de Galicia ten por cumprir dous compromisos que adquiriu no ano 2009 coa declaración oficial outorgada ós Penedos, e dos que ata o momento nada se fixo:

  • O primeiro deles é a aprobación do Plan de Conservación da Paisaxe Protexida.
  • E o segundo é a elaboración do Plan de Acción para a protección, xestión e ordenación dos Penedos de Pasarela e Traba. No que deben contemplarse tamén as medidas para o mantemento, mellora, recuperación e rexeneración desta Paisaxe Protexida.

Arquivado en:

Novas