X

A Costa da Morte, un paso máis preto de ser declarada Reserva Mundial de Surf

15/07/2019

A Costa da Morte, un paso máis preto de ser declarada Reserva Mundial de Surf

A Praia de Razo foi o escenario escollido o pasado venres 12 de xullo para comunicar que a proposta presentada a “Save the Waves Coallition” superou a primeira fase do proceso selectivo. De prosperar, convertería a este territorio na primeira Reserva Mundial de Surf declarada no Estado, a segunda en Europa; trala portuguesa Ericeira, e na doceava a nivel mundial. A CMAT, como ente xestor do xeodestino Costa da Morte, estivo presente na convocatoria do Grupo Promotor da candidatura como Reserva Mundial de Surf.

Os criterios que fixeron prosperar a candidatura da Costa da Morte como Reserva Mundial de Surf nesta primeira fase foron, segundo se declarou, o peso do surf na cultura e historia do territorio, as características ambientais da zona, a calidade e consistencia das ondas e a aposta polo proxecto por parte de entidades locais. Neste último criterio inclúese o apoio da CMAT, así coma de outros grupos de interese sectoriais.

Acompañando á CMAT na convocatoria aos medios do pasado venres, estiveron presentes diferentes membros do Grupo Promotor como a Deputación da Coruña, representantes de diversos organismos públicos e grupos de interese sectoriais. A CMAT continúa involucrándose neste proxecto, posto que comparte os seus obxectivos cos do Plan de Acción para o Turismo da Costa da Morte 2019-2021, onde se recolle o surf e outras actividades náutico deportivas como claves no desenvolvemento turístico local.

A seguinte fase do proxecto, que se retomará trala época estival de máis actividade no sector do surf, comprenderá a mellora e ampliación da candidatura. Nesta mesma incidirase na importancia dunha oferta de deporte sostible e respectuoso co medio ambiente do territorio.

Arquivado en:

Novas