X

A Deputación da Coruña acolle o primeiro encontro de concellos arredor do Anllóns

A Deputación da Coruña acolle o primeiro encontro de concellos arredor do Anllóns

Os cinco alcaldes do territorio que atravesa o Río Anllóns reuníronse co responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, coa idea de dar os primeiros pasos de cara á elaboración dun proxecto de desenvolvemento turístico arredor do río. O "Proxecto Anllóns" será unha das iniciativas do Plan de Patrimonio da Deputación da Coruña.

Os concellos da Laracha, Carballo, Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso e a Deputación da Coruña suman forzas para vertebrar un proxecto de desenvolvemento turístico que ten o río Anllóns como eixo central arredor do que xirarán iniciativas de sendeirismo, interpretación da natureza e patrimonio. Na xuntanza propúxose, aínda que non formen parte do curso do río, a inclusión de Malpica e Laxe para que o proxecto sexa da totalidade da Comarca de Bergantiños.

O "Proxecto Anllóns", como xa foi bautizada a iniciativa, bota a andar co horizonte do ano 2020 e con idea de formar parte do Plan de Patrimonio da Deputación da Coruña.  Na primeira das xuntanzas, que se desenvolveu este martes na sede institucional da Coruña, participaron os cinco alcaldes do territorio, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, o da Laracha, José Manuel López, o de Cabana, José Muíño Domínguez, o de Coristanco, Abraham Gerpe e o de Ponteceso, Xosé Lois Carballido ademais do deputado de Turismo, Xosé Regueira e persoal técnico das áreas de turismo e intervención da Deputación da Coruña.

A iniciativa insírese na liña de actuación de promoción e desenvolvemento turístico relativa ao Plan de Patrimonio no que se integran outros sete proxectos para a conservación e divulgación do patrimonio cultural e natural como son o do Xeoparque de Ortegal, Parque Compostela Rupestre, Parque Arqueolóxico do Megalitismo ou a Reserva da Biosfera do Mandeo.

O deputado Xosé Regueira referiuse na súa intervención ao proxecto do Mandeo para mostrar a "potencialidade dun recurso fluvial como eixo articulador de toda a comarca natural, con capacidade de atracción turística e promoción económica do territorio". No caso do Anllóns, Regueira insistiu na "riqueza dun río con patrimonio natural e patrimonial, historia e referencias literarias claves na nosa lingua coa figura de Pondal fundamentalmente".

Na xuntanza, destacouse de maneira especial a potencialidade do Anllóns para o sendeirismo e a interpretación da natureza, cos elementos destacados do territorio que atravesa o río. Os representantes institucionais dos concellos e a Deputación apuntaron a necesidade de primar a cooperación intermunicipal e, como os demais proxectos, establecer as liñas de actuación para o desenvolvemento dun futuro plan director que estableza as urxencias e os pasos a seguir para a elaboración e consolidación do proxecto.

Arquivado en:

Novas