X

Chega una semana cargada de deporte e turismo na Costa da Morte

16/08/2019

Chega una semana cargada de deporte e turismo na Costa da Morte

Neste último fin de semana do mes, a Costa da Morte converterase no epicentro das actividades deportivas na zona. Corredores, nadadores, surfistas e socorristas daranse cita en probas de referencia das súas respectivas disciplinas. Estarán arroupados por miles de afeccionados que chegan ao territorio para animar e acompañar aos e as participantes, ao tempo que coñecen o destino e desfrutan das actividades complementarias que acompañan estes eventos.

Así, en praias da Costa da Morte decidiranse de novo, como xa se ten feito en anos anteriores, os campións e campioas nacionais e galegos de dúas disciplinas con grande arraigo no territorio.

Por unha banda, o 31 de agosto e 1 de setembro celébrase en Carballo o Campeonato de España de Salvamento e Socorrismo por comunidades autónomas 2019, unha cita do calendario nacional da Real Federación Española de Salvamento y Socorrismo. Os espazos escollidos para a celebración de probas son a Piscina Municipal Carballo Calero e a Praia de Razo.

Moi preto de alí, do 30 de agosto ao 1 de setembro, a veciña praia de Caión acolle o Campionato Galego de Surf, Bodyboard, Longboard e SUP. As singulares condicións deste espazo para a práctica deportiva fan que por segundo ano consecutivo a Federación Galega de Surf escollese esta bela praia da Laracha como lugar onde disputar as probas finais. Unha xornada co mellor deporte e ambiente na que se decidirán os mellores de cada categoría nas diferentes modalidades.

Sen saír da auga, o mesmo domingo 1 de setembro celebrarase tamén a Travesía Costa Fisterra, última proba puntuable da Travesía Costa Abanca by Duacode, o maior circuíto de Galicia en augas abertas. Alí mesmo se entregarán os trofeos aos campns e campioas das seis probas do Circuíto Travesía Costa 2019. Este ano, ademais, como actividade complementaria especial de peche do Circuíto, e da man de Estrella Galicia 1906, o Faro Fisterra-O Semáforo acollerá a noite anterior una festa con concerto co grupo The Swinging Flamingos, na que todos aqueles participantes nalgunha das probas desta edición están convidados a unha caña, mentres desfrutan do ambiente e a mellor posta de sol.

Por último, o 1 de setembro tamén terá lugar a XVIII Carreira de Corcubión, do Circuíto de Carreiras Populares Correndo pola Costa da Morte, que afronta este día a penúltima das citas desta edición 2019. Este evento xa se afianzou como unha das citas deportivas que máis dinamiza o territorio.

Unha pequena mostra de toda a actividade deportiva que enche cada fin de semana Costa da Morte, e que amosa como avanza imparable para converterse en referencia como destino de turismo deportivo. Sen dúbida, o grande interese natural e paisaxístico propicia a práctica deportiva e a celebración de probas e eventos singulares en case calquera disciplina na natureza.

Arquivado en:

Novas