X

45 empresas e servizos turísticos da Costa da Morte comezaron o luns 6 de maio as formacións do Sistema de Calidade Turística en Destino (SICTED)

06/05/2024

45 empresas e servizos turísticos da Costa da Morte comezaron o luns 6 de maio as formacións do Sistema de Calidade Turística en Destino (SICTED)

As novas entidades adheridas este ano no Ciclo 1 únense ás 35 xa certificadas o pasado ano, constituíndo un total de 80 servizos turísticos en formación e asesoramento continuo en xestión e calidade turística

Baio (Zas) acolleu as primeiras formacións desta anualidade do SICTED de Costa da Morte, cofinanciado de novo pola Asociación de Turismo da Costa da Morte (CMAT)

O Centro Sociocultural de Baio (Zas), foi o escenario para o primeiro encontro desta anualidade entre os actores do ecosistema turístico que teñen a meta de formar parte do SICTED e obter o distintivo de Compromiso coa Calidade Turística. A Asociación Turística da Costa da Morte (CMAT), grazas ao apoio de Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, adheriuse en 2023 ao SICTED, un proxecto da Secretaría de Estado de Turismo (Setur), cofinanciado pola Deputación da Coruña. Conta cunha metodoloxía propia, que contribúe a implantar un sistema de xestión da calidade nos destinos, contando cos axentes turísticos locais públicos e privados.

Participan este ano un total de 80 entidades da Costa da Morte, 45 no Ciclo 1 e 35 no Ciclo 2: casas de turismo rural, hoteis e pensións, apartamentos turísticos, albergues, restaurantes, artesáns/ás e comercios de artesanía, empresas de turismo activo, oficinas de información turísticas e museos.

O presidente de CMAT e alcalde de Zas, Manuel Muíño, e o secretario da CMAT e presidente da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM), Pepe Formoso; foron os encargados de dar a benvida aos 45 novos establecementos adheridos.

“Desde a CMAT estamos moi comprometidos coa procura da calidade no noso destino e encantados de dar a benvida aos novos establecementos adheridos ao SICTED da Costa da Morte”, destaca Manuel Muíño, que aproveitou para lembrar o éxito do proxecto o pasado ano e dar folgos a estas novas incorporacións para o camiño cara a calidade que están a piques de comezar.

Pepe Formoso quixo salientar a importancia do asociacionismo para poder levar a cabo este tipo de iniciativas, xa que a implantación do SICTED na Costa da Morte non tería sido posible sen a aposta decidida da CMAT e de APTCM polo traballo conxunto e colaborativo entre o sector público e privado: “É grazas á cooperación público-privada que todos os establecementos adheridos a APTCM e os que aínda non o son, podemos favorecernos da implantación do SICTED na Costa da Morte sen un custo engadido”.

Catherine García, da Secretaría Técnica de CMAT, xunto a Emilio Cuíñas, xerente da consultora Autoxiro, foron os encargados de aclarar aos novos adheridos que supón a incorporación ao SICTED e cales son os obxectivos principais do proxecto: “Ademais de elevar o nivel de calidade dos servizos turísticos da Costa da Morte, o SICTED é unha ferramenta moi potente que nos axuda a crear destino, ao achegamento e o traballo en rede dos profesionais do turismo do territorio, o mellor coñecemento da oferta turística e o fomento de novas oportunidades de colaboración”, subliñou Catherine García. Pola súa banda, Emilio Cuíñas impartiu os primeiros módulos formativos do SICTED para estas 45 novas incorporacións, nas que deu a coñecer a súa metodoloxía e diferentes fases, así como a plataforma de xestión e os manuais de boas prácticas, que os establecementos irán implantando durante este 2024, a través de visitas individualizadas de consultores certificados.

Ademais, a CMAT ten previsto que os obradoiros colectivos obrigatorios que se impartan nesta anualidade, xiren en torno á celebración do VII Encontro Internacional Starlight, que terá lugar en Cee, a principios do mes de outubro de 2024

Arquivado en:

Novas