X

#QuedanaCasa: Percorrido literario pola Costa da Morte

24/03/2020

#QuedanaCasa: Percorrido literario pola Costa da Morte

A Costa da Morte pode coñecerse a través de moitos dos seus atractivos: a gastronomía, as súas festas e romarías, as lendas que a rodean… e tamén a través da literatura. De cantigas á poesía actual, moitos son os/as escritores/as que pasaron pola nosa terra para inspirarse, para contar historias e deixar a súa pegada na cultura colectiva da Costa da Morte.

Hoxe propoñémosvos coñecer o noso xeodestino dun xeito diferente, sen moverse do sofá, tal e coma se recomenda nestes días de #EuQuedonaCasa. Preparados para un percorrido pola Costa da Morte máis literaria?

 

 

O Río Anllóns 

Imposíbel non comezar un percorrido literario por outra persoa que non sexa Eduardo Pondal. O poeta de Ponteceso é un dos maiores expoñentes da cultura en Costa da Morte. O autor do século XIX tivo presente sempre na súa obra á Costa da Morte, así se reflicte no poema Os Eoas, onde adica estas liñas ao río Anllóns

Onde o Allóns pacífico e ignorado

Sosegado levando o seu tributo,

O seu argendo lego e sosegado,

Mestura co agitado e salío fluto.

A seca Tabuido tena a un lado,

A outro Balarés curvo e cornuto;

A uns dos lados se ve Corme peixosa,

 A outro lado se ve Laxe areosa.

 

Virxe da Barca, Muxía

Outra que -afortunadamente- non se esqueceu da Costa da Morte foi a figura máis universal da literarura galega. Xa no día de Rosalía rescatábamos “La Hija del Mar”, unha novela que escribiu con apenas 22 anos e que estaba ambientada en Muxía.

Esta vila foi unha forte influencia para Rosalía de Castro, que tamén exaltaba a Virxe da Barca neste poema incluído en Cantares Gallegos:

¡Bendita á Virxe da Barca,

Bendita por sempre sea!

¡Miña Virxen milagrosa,

En quen tantos se recrean!

Todos van por visitarla, 

Todos alí van por vela

Na sua barca dourada,

Na sua barca pequena,

Donde están dous anxeliños,

Dous anxeliños que reman.

Alí chegou milagrosa

Nunha embarcaçon de pedra

 

Camariñas

Avanzando uns anos na historia, chegamos a Ramón Otero Pedrayo, o ilustre escritor, académico e político nado en Ourense. A medidados dos anos 70 publicou un libro de gran formato, case enciclopédico, chamado “Galicia. Una cultura de Occidente”. Nel referíase desta maneira a Camariñas e as súas xentes:

"...la villa muy marinera... la blanca Camariñas. No falta quien, alabando la levedad, delicadeza y dibujo de los encajes tejidos por las mujeres de Camariñas, sostiene que imitan la calidad de las espumas".

 

Malpica e Illas Sisargas

Viaje a Galicia é unha obra firmada por Frai Martín Sarmiento na que se relata un dos tres viaxes que fixo o pensador á nosa terra, nos que se interesou especialmente pola flora e fauna autóctonas, as lendas e a nosa lingua. Sobre Malpica e as illas Sisargas deixou escrito o seguinte fragmento, que data de 1745:

Malpica. É unha península, como pena na que está a vila, e ten ao oriente un pequeno areal que é o porto, e outro máis grande que mira ao norte, que ten por punta oriental ao propio lugar de Malpica. E o occidental é a illa de Sisarga, que emparella co continente, pero de xeito que entre el ela podan pasar navíos de liña, pero non pasan.

A illa Sisarga é só unha en si e longa de norte a sur, pero en mareas baixas son tres, ou parecen. E todas terán de circuito dúas leguas e media. O areal menor (71 r.) ou o porto está entre a punta Castelo, e a Atalaia, que está sobre o promontorio onde está a Vila de Malpica.

 

Que che pareceu esta primeira viaxe á Costa da Morte a través dos libros? Aínda queda moito por explorar! O Batallón Literario, Manolo Rivas, Manuel María... Non perdas a segunda entrega do noso paseo literario!

 

Arquivado en:

NOVAS DE INTERESE Novas