X

O cociñeiro Fernando Agrasar defende en Gastronomika a "autenticidade" como símbolo da gastronomía galega.

O cociñeiro Fernando Agrasar defende en Gastronomika a "autenticidade" como símbolo da gastronomía galega.

O propietario de As Garzas de Malpica participou na feira de San Sebastián no programa da Deputación da Coruña. Co título "Realismo Atlántico" o cociñeiro Fernando Agrasar participou este martes no programa oficial de San Sebastián Gastronomika, feira internacional en que se dan cita os principais nomes da gastronomía do mundo. O propietario de As Garzas de Malpica participou no espazo da Deputación da Coruña que por primeira vez asistía ao evento de promoción da cociña e o turismo gastronómico. 

Na súa intervención en Gastronomika,  Fernando Agrasar centro o seu discurso na calidade do produto galego e na beleza dunha paisaxe singular para afirmar que o "territorio e a autenticidade son o símbolo identitario da gastronomía galega". Nun foro composto maiormente por especialistas do sector, Agrasar botou man de exemplos como o allo e a cebola de Barizo para dar conta da calidade dos materiais cos que se cociñan os pratos galegos e de encontros como a popular "feira de Carballo onde aínda se pode comprar produto auténtico da horta da zona, produto quilómetro cero". Destacou tamén algúns produtos de calidade que teñen orixe galega e que están a surtir á gastronomía internacional como as algas de Portomuíños. 

Dentro do programa en que participou Fernando Agrasar, desenvolveuse unha degustación de empanada que, como destacou, estaba preparada en parte polo alumnado da Escola de Cociña de Carballo que inicia a súa andaina coa idea de formar profesionais de altura no sector.  O propietario de As Garzas, de Malpica, agradeceu á área de Turismo da Deputación da Coruña, que dirixe o deputado Xosé Regueira, por dar a coñecer a gastronomía galega en eventos de especial relevancia para a súa promoción internacional como é o Gastronomika. 

Fernando Agrasar naceu en Santiago de Compostela (1973) e é chef e propietario do restaurante As Garzas. Conta cun sol Repsol desde 2013 e unha estrela Michelín desde o ano 2010. É tamén director da primeira escola de Hostalería do Concello de Carballo e recibiu premios como o "Álvaro Cunqueiro e o Premio de Turismo e Gastronomía ao Mellor Proxecto Empresarial do ano 2010. 

Ademais da participación de Fernando Agrasar, a área de Turismo da Deputación da Coruña promove en Gastronomika produtos como o pan de Carballo. Gastronomika desenvólvese desde o 8 ao 10 de outubro no Kursaal de San Sebastián onde se dan cita estes días os principais nomes da gastronomía mundial e do sector turístico e de comunicación especializada no ámbito converténdose nunha plataforma de singular interese no ámbito. 

"Participar en Gastronomika é unha grande oportunidade para dar a coñecer a nosa riqueza gastronómica e tamén como destino de calidade. Queremos difundir a condición singular da nosa oferta e este é, sen dúbida, o foro acaído", sinala o deputado Xosé Regueira para quen a presenza da Deputación da Coruña está a "xerar gran expectación, coa intervención brillante de Fernando Agrasar, a degustación de produtos propios e o atractivo que supón nun sector que está a procurar unha oferta singular e, como el mesmo dixo na súa intervención, auténtica".


Arquivado en:

Novas