X

Ponteceso reinventa a súa Semana Santa cunha proposta que pon en valor as tradicións, a música e a gastronomía.

Ponteceso reinventa a súa Semana Santa cunha proposta que pon en valor as tradicións, a música e a gastronomía.

A música e a gastronomía van estar moi presentes esta Semana Santa, porque o Concello de Ponteceso organiza a primeira edición da Festa Marisqueira, un evento que nace para reforzar o atractivo turístico do noso concello e para poñer en valor os produtos da nosa ría. “Cremos que había un nicho por encher. A Festa do Percebe é insubstituíble, ademais de ser a máis importante da comarca, pero tamén queremos que os produtos da ría teñan a promoción que merecen”, sinalou o alcalde.

Deste xeito, desde o xoves 29 pola tarde ata o sábado 31 pola noite, poñeranse á venda racións de ameixas á mariñeira, navallas á prancha, berberechos ao vapor e en empanada, polbo e ourizos. Os prezos non están fixados porque dependerán do mercado, pero intentarase que sexan prezos populares. As degustacións, que se realizarán ao mediodía e pola tarde-noite, inclúen tamén a promoción dos viños do país e da música galega. Pero a cousa non remata aí, porque o sábado a partir das 14.00 horas tamén teremos unha paella xigante, con 1.000 racións en total que se venderán a 5 euros.

A animación está garantida desde o minuto 1, porque no acto inaugural, o xoves ás 20 horas, contaremos coa Charanga Mekánica. O venres estará en Ponteceso “O cego na feira”, un espectáculo de música e teatro do que asistiremos a varios pases ao longo da xornada, e pola noite teremos aos incomparables Festicultores en Concerto. E o sábado seguirá a música, coa orquestra Essencia tanto na sesión vermú coma na verbena. E para o público familiar teremos ao Mago Álex a partir das 17 horas.


Arquivado en:

Novas