X

Torres do Allo bate de novo récord de visitantes en xullo cun 50% más.

Torres do Allo bate de novo récord de visitantes en xullo cun 50% más.

Mentres a tendencia de afluencia turística deste 2018 parece máis discreta que no ano anterior, o monumento do Concello de Zas vén de superar por moito as cifras de visitantes do pasado 2017. Son xa máis de 4.000 persoas as que se achegaron a coñecer o pazo e a súa contorna dende o 1 de xaneiro ata o 31 de xullo e realizaron algunha das súas actividades. Un dato que supera os visitantes de todo o ano 2015 ou 2016.

Tan só durante o último mes as Torres do Allo tiveron máis de 1.500 visitantes, o que supón un incremento de máis do cincuenta por cento con respecto do mesmo mes do ano anterior, no que non se superou o milleiro. Unha media de 51 persoas diarias achegáronse para visitar libremente o museo, realizar as visitas guiadas, o xogo de pistas, asistir ás teatralizadas, ou participar das actividades especiais como o concurso de fotografía, o cine ao aire libre ou o Día nas Torres para nenos. Un dato salientable se temos en conta que en xullo as Torres do Allo abren tódolos días.

É de destacar tamén o cambio de tendencia no perfil visitante que se produciu grazas á actividade estrela deste verán o Escape Room "Pazo do Allo", con máis de 500 participantes de todas partes de Galicia. Este xogo de escapismo conseguiu atraer ao pazo máis antigo de Galicia á mocidade de entre 16 e 30 anos, un público que antes se situaba á cola das estatísticas e que agora vén de duplicar os seus datos con máis de douscentos mozos e mozas.

En canto á procedencia dos visitantes destaca neste mes de xullo o público chegado do resto do Estado con máis dun terzo do número total. Os galegos e galegas de todas partes do país constituíron o grupo máis numeroso cun 43% das visitas totais. As persoas procedentes da Costa da Morte foron algo máis de douscentas, un 14%; mentres que xs visitantes do propio concello de Zas non pasaron do 8%. Corenta e cinco persoas chegaron tamén doutros países europeos.

 

Arquivado en:

Novas