X

Experiencias de Turismo Activo

Ver Concello


Experiencias por terra

10/11/2017

O agreste litoral da Costa da Morte, xunto coas terras bañadas polas correntes fluviais que desembocan no Atlántico e os montes que dominan os vales, convértese nun destino ideal para descubrir os seus encantos en bicicleta, a cabalo ou en vehículo a motor. Se es das persoas ás que lle gusta á aventura, aquí tes un gran territorio que explorar! Nesta experiencia ofrecémosche diferentes rutas para realizar pola túa conta, a través de empresas especializadas ou organizadas por clubs e concellos. Nelas coñecerás, desde a costa ao interior, espazos naturais de grande importancia e destacados recursos culturais. Anímaste?

Sendeirismo

10/11/2017

O sendeirismo é unha práctica deportiva que consiste en facer traxectos a pé por vieiros, camiños, carreiros ou corredoiras. Pasear por vales, percorrer ribeiras e litorais ou subir e baixar montes. En definitiva, un bo xeito para coñecer o noso patrimonio natural e cultural. Na Costa da Morte son moitas as rutas que poderás transitar durante varios días, nunha xornada completa ou mesmo en varias horas. Aquí atoparás información das rutas homologadas pola Federación Galega de Montañismo, de itinerarios para realizar por etapas e doutros sendeiros existentes nos concellos que integran o xeodestino.

Experiencias polo aire

09/11/2017

Por auga, por mar e por aire, a abrupta Costa da Morte ofrece grandes oportunidades para gozar desde diferentes perspectivas do seu patrimonio cultural e natural. Se realizar unha travesía por terra, mar ou río resulta tentadora, poder desfrutar dos panoramas navegando polo aire, engade a eterna sensación de procura de liberdade. Voar é un desexo presente entre os seres humanos xa desde a Antigüidade presente en mitos gregos como o de Ícaro e Dédalo. Actualmente, este desexo converteuse nunha realidade. O voo pode ser libre ou motorizado, pero para vivir a experiencia hai que ter en conta unha serie de medidas de seguridade, ademais de coñecementos de meteoroloxía e o manexo adecuado do material. Recoméndase non realizar ningunha práctica autónoma, se nunca se tomaron clases cun ou cunha monitora profesional.

Experiencias por augas salgadas e augas doces

09/11/2017

Pensar na Costa da Morte é pensar nas súas augas. Das salgadas do Atlántico ás doces dos grandes Xallas e Anllóns. As rías e ríos serven de escenario principal para o goce da aventura mediante a práctica dunha gran variedade de deportes náuticos e actividades de lecer. A denominación de Costa da Morte foi acuñada a finais do século XIX e principios do XX. Nun momento en que o litoral galego era zona de paso obrigada para o transporte marítimo internacional, e onde se produciron un gran número de naufraxios. Isto significou a aparición de varios faros nas puntas máis perigosas, como o de Cabo Vilán, ademais do nacemento do alcume. As rochas, os calados e os baixos próximos á terra deben terse en conta para a práctica segura de deportes como a vela, mergullo ou kaiak, que poderemos realizar grazas aos e ás profesionais que nos guían, grandes coñecedoras da abrupta costa.

Multiaventura

09/11/2017

A Costa da Morte preséntase como o territorio ideal para a práctica de diferentes deportes e actividades multiaventura. Espazos naturais como o Monte Pindo, o Ézaro, o río Xallas, os penedos de Pasarela e Traba ou os cantís de Camelle son algunhas das zonas ás que te poderás achegar para gozar de novas experiencias.

Cabalgando as ondas

09/11/2017

O surf, olímpico en Toquio 2020, ten a súa orixe na Polinesia. A primeira mención procede dun xesuíta que escribe sobre os indíxenas de Perú, que utilizaban unha embarcación de pesca coa que se deslizaban polas ondas. O deporte foi observado no XVIII polo capitán Cook en Hawai, onde a súa práctica estaba relacionada co status da poboación, pois a nobreza tiña reservadas as táboas de calidade e as mellores praias para a súa práctica. O salto a Occidente prodúcese no século XX, chegando a Galicia na segunda metade. Nas praias da Costa da Morte celébrase algunha das probas do Circuíto Galego de Surf e Bodyboard que puntúan para o Campeonato de España de Surf. No 2016, tivo lugar na praia de Caión A Coruña Pro, unha das cinco competicións da ronda clasificatoria (qualifying series) da World Surf League (WSL), coa presenza de surfers internacionais.